Skip to main content
Lugo

Homenaxe ao fotógrafo José Luís Vega polo Día dos Arquivos

Por 9 Xuño, 2021Sin comentarios

Lugo celebra o Día Internacional dos Arquivos cunha nova entrega dos Documentos singulares do Arquivo Histórico Provincial, que nesta ocasión rende homenaxe ao fotógrafo José Luís Vega e a unha reportaxe que cumpre medio século de historia.

Nos actos organizados polo Arquivo para conmemorar esta data participou persoal do centro, entre eles a directora, Dolores Pereira, e Carla Cociña, encargada este ano de elaborar o texto que contextualiza os documentos gráficos seleccionados.

Este valioso papel ponse de manifesto un ano máis coa publicación de seis fotografías que recollen o proceso de derrubamento dun edificio na antiga rúa Calvo Sotelo (hoxe Campo Castelo). 

As imaxes reflicten o progresivo deterioro do inmoble desde que ameaza caída, coa aparición das primeiras fendas ao escavar ao seu carón, ata o seu colapso final a pesar dos intentos de apuntalalo. Valéronlle ao seu autor recoñecemento profesional; a través da Axencia EFE foron difundidas por todo o país por diarios como ABC, YA ou La Vanguardia Española, e mesmo polos servizos informativos de Televisión Española, e foron elixidas como mellor reportaxe fotográfico de febreiro de 1971.

José Luis Vega exerceu a súa profesión en Lugo ao longo de 40 anos, tanto na rúa como en estudo. O Arquivo Histórico Provincial custodia máis de 300.000 negativos que recollen actos sociais e institucionais, retratos, imaxes tomadas pola rúa ou manifestacións relixiosas, entre outras, deixando testemuña do devir da cidade e da sociedade lucense.

Tamén evoca a nosa historia recente a exposición Envíame unha postal, que amosa imaxes doutro fotógrafo cuxo fondo custodia o centro: Luís García Garrabella. Son fotografías tomadas nas décadas dos anos 40 e 50 do século XX a paisaxes e monumentos de varias poboacións das provincias de Lugo e A Coruña. Os arquivos públicos custodian unha moi importante cantidade de fondos fotográficos de todo tempo e contido, e con estas accións de visibilidade o centro lucense quere poñer en valor o seu legado.

O Arquivo invita á cidadanía en xeral, e aos centros de ensino en particular, a ver estes documentos gráficos e achegarse ao seu traballo. O teléfono de contacto para establecer quenda de visita é o 982 828 318; tamén pode solicitarse cita a través do correo electrónico do centro: ahp.lugo.informacion@xunta.gal. Seguiranse en todo momento as medidas sanitarias en vigor, e poden organizarse grupos de ata 10 persoas. Por último, difundirán a celebración na súa páxina de Facebook, onde publicarán a secuencia das imaxes de Vega.