Skip to main content
Navia de Suarna

Xornadas para achegar a música tradicional en Navia de Suarna

Por 11 Xuño, 2021Sin comentarios

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo,  impartiu no día de hoxe unhas novas xornadas de música tradicional para escolares no CPI Plurilingüe de Navia de Suarna. Con estas xornadas a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

O concerto impartírono os mestres Jose Manuel López, Lucía Eiros e Branca Villares, que foron os encargados de amosarlles aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da  música tradicional e popular galega. O concerto didáctico realizouse no exterior e cumprindo todas as medidas fronte á covid19.

Estos concertos son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e a través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos amosar esta riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que todas e todos os escolares poden participar de xeito activo con preguntas e aportacións, contribuíndo e potenciando deste xeito á divulgación da cultura e a súa conservación.

A Tradescola ofrece formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente na rúa Pintor Corredoira nº 4, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.