Skip to main content
Pedrafita

Inaugurado o Centro de Atención a Maiores en Pedrafita

Por 4 Xuño, 2021Xuño 6th, 2021Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, inaugurou este venres o Centro de Atención a Maiores Manuel Villasol, que a institución, en colaboración co Concello, creou no centro da localidade, xunto á casa consistorial. No acto participaron deputados e deputadas provinciais e membros da Corporación municipal.

José Tomé subliñou que a posta en marcha desta dotación social “cumpre cunha reivindicación histórica do Concello e dos veciños e veciñas de Pedrafita do Cebreiro. Abrindo esta residencia, dende a Deputación de Lugo, coa colaboración do Concello, poñemos a disposición da veciñanza deste municipio un novo servizo público. Ofrecemos unha dotación de calidade ás persoas maiores, moi esperada e demandada, que marcará un antes e un despois na vida deste concello porque cumprirá dúas funcións moi importantes, unha social e outra económica”.

Neste sentido, o Presidente explicou que o novo centro, que conta con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día, “permitirá que as persoas que necesiten coidados e que queiran quedarse ou volver a vivir en Pedrafita poidan facelo, sen ter que marcharse fóra. Poderán manter o arraigo e quedarse no lugar no que pasaron toda a vida, xunto ás súas familias, amigos e veciños. Isto é calidade de vida e benestar”.

En canto á función económica, José Tomé explicou que o centro de maiores “crea 25 postos de traballo directos, ós que hai que sumar os indirectos e o efecto multiplicador da súa actividade. Por exemplo, na cociña utilizaranse produtos de proximidade para favorecer unha alimentación de calidade e, ó mesmo tempo, axudar á economía local”.

Un investimento de 2M€

O Presidente puxo en valor a capacidade da Deputación para cumprir co seu compromiso de abrir na primavera a residencia de Pedrafita, así como o esforzo inversor da institución, que achegou uns 2M€ para a construción, equipamento e mantemento durante o primeiro ano, que se suman aos 500.000€ aportados polo Concello.

Así mesmo, o Presidente lembrou que unha das prioridades que marcou dende o inicio do mandato foi “cumprir cos compromisos adquiridos cos concellos e cos veciños en canto a residencias. Por iso, démoslle un empuxón importante ós proxectos que estaban en marcha”, sinalou José Tomé, como demostra que o centro de Pedrafita é o terceiro que abre dende o 2019, despois da Fonsagrada e Castroverde, e que ten a previsión de poñer en funcionamento os de Meira e Navia de Suarna neste 2021.

O mandatario provincial agradeceu “o traballo e a implicación” de todas as persoas que fixeron posible que a residencia de Pedrafita sexa unha realidade, “empezando polo Alcalde, que ten demostrado cada día dos 35 anos que leva á fronte do Concello o seu absoluto compromiso de servicio cos veciños e veciñas, e que hoxe ve cumprido un dos seus soños”. José Tomé gabou o labor “de todo o equipo político e técnico da Deputación de Lugo e do Concello”, así como dos presidentes socialistas que o precederon no cargo.  

Atención e funcionamento

Unha vez inaugurada a residencia, asegurou o Presidente, “comeza unha nova etapa e, con ela, a meta de que o centro preste o mellor servizo posible”, un obxectivo no que “seguiremos colaborando a Deputación e o Concello para que a atención e o funcionamento sexan óptimos. O noso obxectivo é que as persoas que entran a vivir aquí se sintan como na súa casa. Que este sexa o seu fogar e que aquí formen a súa nova familia”. Esta é unha das garantías, subliñou José Tomé, que ofrece o modelo de residencias da Deputación, “público, de calidade, de pequenos centros, con atención personalizada, con practicamente un coidador por usuario, que mantén o arraigo dos maiores no seu entorno, que crea emprego no rural e que, polo tanto, axuda a fixar poboación. Un modelo centrado nas persoas, non no negocio, ó que se incorpora Pedrafita e que tan bos resultados está dando nos centros da nosa rede que a día de hoxe xa están funcionando, en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada e Castroverde”. 

O modelo da Deputación de Lugo, levado a cabo en cooperación cos concellos nos que se asentan os centros, dá prioridade no acceso ás prazas á veciñanza do municipio, logo aos dos concellos limítrofes ou da comarca, e despois o proceso ábrese para lucenses en xeral. Ademais, o ente provincial garante que todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poden acceder a estas prazas, posto que os usuarios pagan en función da súa capacidade económica.

Preingresos

Os usuarios e usuarias da residencia de Pedrafita coñeceron hoxe as instalacións e comezarán a vindeira semana cos preingresos para comezar xa co pleno funcionamento o día 15 de xuño.

A residencia e centro de día público Manuel Villasol sitúase no centro da vila de Pedrafita do Cebreiro, concretamente, na Praza de España, a carón da casa consistorial, no espazo ocupado por unha antiga edificación que o Concello cedeu ao organismo lugués. Conta cunha superficie útil de 1.731 metros cadrados divididos en tres plantas. 

No soto están ubicados os servizos de lavandería, caldeiras ou os vestiarios dos traballadores. Na planta baixa, estarán os espazos comúns, como a sala de rehabilitación, a enfermería, o salón de actos ou a sala polivalente. Na planta media, ubícase a cociña e o comedor, así como varias habitacións. Na terceria, atópanse o resto de habitacións e baños.

Manuel Villasol

O nome da residencia foi aprobado no Pleno do Concello. Manuel Villasol é unha personalidade moi coñecida e recoñecida no Concello. Exerceu a política municipal durante case trintena de anos como tenente de Alcalde, dende onde apostou forte polo municipalismo e pola defensa do rural, traballando durante toda a vida por e para o seu concello. Villasol será unha das primeiras persoas en ingresar no novo centro de maiores da Deputación.