Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Seguen as melloras nas estradas provinciais cun investimento de 230.000€

Por 12 Xuño, 2021Xuño 14th, 2021Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou tras a Xunta de Goberno deste venres a aprobación de dúas novas actuacións para mellorar máis de 20 quilómetros da rede viaria provincial cun investimento total que supera os 230.000 euros.

Trátase, por unha banda, da estrada LU-P-4701, que une os concellos da Pobra de Brollón con Folgoso do Courel por Parada de Montes. Esta mellora, que sae a licitación por máis de 100.000 euros, permitirá acondicionar máis da metade da vía, do quilómetro 1 ata o 19,757. Realizarase a reparación de baches, mordentes e afundimentos, e a repavimentación de zonas degradadas mediante rego con gravilla bicapa, o que contribuirá a mellorar a circulación e a seguridade da vía de maneira importante.

Por outra banda, a Deputación licita obras nun novo tramo da LU-P-5903, de Sober a Doade, por un importe de 130.705,23€. “Actuaremos no tramo que vai do quilómetro 13,740 ao 14,480, co que damos continuidade ó tramo entre o punto quilométrico 13 e o 13,740, que foi adxudicado en xaneiro por un orzamento de 97.385,75€ e no que empezarán as obras a vindeira semana”, explicou o Presidente. Os traballos consistirán no ensanche da calzada, drenaxe, afirmado e pavimentación con aglomerado, ademais da sinalización horizontal.

Tomé Roca destacou que “practicamente en cada Xunta de  Goberno estamos aprobando novas actuacións na rede viaria provincial, o que dá boa conta de que a mellora das comunicacións é unha prioridade para este Goberno”.

Con este mesmo obxectivo de mellorar e de manter en bo estados as estradas, a Xunta de Goberno tamén aprobou sacar a licitación a compra dun novo vehículo para o Parque Móbil Provincial cun orzamento de 153.670€. Trátase dunha cabeza tractora cun semiremolque tipo bañeira que será empregado para trasladar o material ás estradas.

Tal e como informou o Presidente, a Xunta de Goberno adxudicou tamén o servizo de mantemento e reparación de turismos propiedade da Deputación á empresa Fergul Auto SLU, por un importe de 18.000€, e por un período dun ano, prorrogable por outros dous. Así mesmo, en relación tamén co Parque Móbil, aprobouse a licitación do contrato para o subministro de pezas mecánicas para os vehículos e máquinas da Deputación, que sae a contratación cun orzamento base de 18.000€ e por un prazo de un ano, prorrogable por anualidades ata un máximo de catro.