Comezaron os traballos de acondicionamento dos terreos do núcleo de Bustelo de Fisteus, recentemente declarada como Aldea Modelo de Galicia pola Consellería do Medio Rural.
Esta é a décimo cuarta aldea modelo de Galicia e vai contar coa inminente actuación de recuperación da terra agraria. E tamén a publicación, nas próximas semanas, da concorrencia competitiva para atopar un xestor como anunciou a Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. A primeira actuación nunha aldea modelo – como afirmou- é recuperar a terra agraria da contorna do núcleo cunha dobre finalidade: por un lado poñela a producir e por outro facer unha xestión activa da biomasa previndo os incendios forestais.
En palabras da directora xeral “os propietarios e veciños da aldea pasan de ter que limpar ou xestionar as súas parcelas ou pagar para que o fagan a ter unha renda derivada desa actividade económica”. “A boa vontade dos propietarios é algo fundamental” segundo Inés Santé, quen destacou que foi o lugar no que recolleron no menor tempo a sinatura dos veciños que se precisaba, un mínimo do 70% dos propietarios, para poñer en marcha este proxecto.
O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez agarda que con este proxecto Bustelo de Fisteus non só recupere os seus terreos de cultivo, se non que poida recuperar as súas vivendas e ter un futuro prometedor”. A arquitectura do núcleo, a súa situación xeográfica, enmarcada entre unha alvariza totalmente rehabilitada e o miradoiro dende o que se contempla todo o val do río Quiroga, onde rematou a visita; fan que este lugar poida chegar a ser en palabras do rexedor local, “un punto turístico referente no Xeoparque Montañas do Courel”.