Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Inícianse as obras de sinalización das Rutas do Viño da Ribeira Sacra

Por 1 Xuño, 2021Sin comentarios

No día de hoxe inícianse as obras de sinalización das Rutas do Viño da Ribeira Sacra, de Monterrei e de Valdeorras, ás que se destinan 322.000 euros coa instalación de novos indicadores actualizados que recollan os establecementos e concellos que forman parte deste produto turístico vinculado a estas denominacións de orixe vitivinícolas. 

Os traballos inclúen a unificación dos tipos de paneis direccionais urbanos e carteis direccionais frecha coa adopción dun único modelo, eliminando os que non se adapten a normativa.

Ademais, simplificarase a sinalización en interseccións cun único panel de elemento de alto interese no canto de varios concentrados e reforzaranse tanto as indicacións de lugares emblemáticos nos que se pretende dar a coñecer as Rutas do Viño como nos cruces ou puntos que induzan a erro. 

A sinalización abarcará os municipios lugueses de Monforte de Lemos, Sober, Pantón, Chantada, O Saviñao e Quiroga, dentro da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, así coma concellos ourensáns e municipios do Barco de Valdeorras. 

As rutas inclúen recursos de interese enolóxico, cultural e paisaxístico entre os que se poden atopar, ademais das adegas, outros establecementos que prestan servizos de restauración e hospedaxe, museos, artesanía ou instalacións de lecer.

A actuación enmárcase no apoio ao enoturismo e a experiencias turísticas vinculadas ás Rutas do Viño. O Goberno galego ampara a marca paraugas Enoturismo Galicia que engloba experiencias personalizadas como estas rutas que permiten descubrir Galicia e contribúen á  desestacionalización do turismo galego. Trátase, por tanto dun dos produtos turísticos que axuda a diferenciar a oferta da comunidade e promover Galicia como un destino confiable e de calidade.