Skip to main content
Folgoso do Courel

Folgoso do Courel aproba un crédito para subvencións de autónomos

Por 11 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello de Folgoso do Courel aprobou no Pleno de onte cos votos a favor do equipo de Goberno (PP) e os do PSOE, (Courel Vivo non asistiu), unha modificación de crédito baixo a modalidade de crédito extraordinario financiado con cargo ao remanente líquido de tesourería resultante da liquidación do exercicio anterior por importe de 20.000 euros.

A contía irá destinada a darlle continuidade á liña de subvencións creada para a reactivación da actividade económica no municipio como consecuencia da declaración do estado de alarma.

As axudas consistirán fundamentalmente en subvencións para as persoas traballadoras por conta propia e ás pequenas e medianas empresas que se visen afectadas ben por peche temporal da actividade ou pola minoración da súa actividade, cando esta supoña unha caída de máis do 45% dos seus ingresos.

Esta liña de subvencións pretende, tal e como explica a alcaldesa, Lola Castro, “reactivar a actividade económica do noso Concello para evitar o peche de empresas e axudalas a que poidan retomar a súa actividade e reabrir os seus negocios”. Tamén, abunda, “para sortear posibles situacións de desemprego no Concello e que as familias vexan reducidos os seus ingresos o menos posible para evitar o despoboamento que se vén producindo nos últimos anos”. 

As axudas concederanse polo procedemento de concorrencia competitiva e rexeranse por unhas bases que o Concello fará públicas en canto a modificación de crédito se aprobe de xeito definitivo. Para iso, o expediente exporase ao público a través da súa publicación no BOP durante quince días.