Skip to main content
Folgoso do Courel

Avaliados os danos do incendio de Folgoso do Courel

Por 19 Xuño, 2021Sin comentarios

Un grupo de técnicos do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán desprazáronse no día de onte ao concello lucense de Folgoso do Courel para avaliar os danos causados polo incendio rexistrado esta semana na zona e para valorar as actuacións posteriores a levar a cabo.

Nesa liña, puideron comprobar que o solo non sufriu un nivel de afección importante, polo que non semella haber risco de erosión nin de escorrentía, malia a pendente existente na zona. Así, as necesidades pasarían, segundo as primeiras análises, por rexenerar a vexetación a longo prazo, especialmente nas valgadas.

Cabe lembrar que noutras ocasións anteriores, cando si se percibía risco de erosión do chan ou escorrentía, a Consellería do Medio Rural recorreu a técnicas como o mulching ou o helimulching. Esta técnica permite crear unha cuberta protectora do solo empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente). Estes traballos lévanse a cabo cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé.

Por último cómpre recordar que o referido lume forestal de Folgoso do Courel quedou extinguido o pasado luns na parroquia homónima, tras comezar na madrugada do sábado día 12. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 185 hectáreas. Delas, 145 ha foron rasas e 40 arboradas. Para o control deste incendio mobilizáronse en total 1 técnico, 15 axentes, 47 brigadas, 20 motobombas, 1 pa, 9 avións e 2 helicópteros.