Skip to main content
Monforte

O hospital de Monforte celebra 35 anos de idade

Por 23 Xuño, 2021Sin comentarios

No día de hoxe leváronse a cabo os actos conmemorativos do 35 aniversario do hospital comarcal de Monforte. 

O alcalde de Monforte, José Tomé, destacou “a homenaxe de hoxe necesariamente é para as persoas que forman parte deste hospital: médicos, enfermería, celadores, administrativos, persoal de limpeza, de seguridade, de cociña, de lavandería, de mantemento…, en definitiva, un equipo humano sen o cal este hospital non alcanzaría hoxe os 35 anos de idade”.

O hospital de Monforte, necesario para o sur de Lugo

O alcalde monfortino salientou queo hospital de Monforte, dende o ano 1986 cando botou a andar, é unha peza clave na nosa cidade, artífice da saúde dos nosos veciños e veciñas, e non só do Concello de Monforte, senón tamén dos veciños e veciñas de todos os concellos que conforman a comarca de Lemos e da Ribeira Sacra”.

Ademais de facer extensiva a homenaxe de todos os monfortinos a labor que desenvolve a diario todo o persoal que conforma o hospital comarcal, o alcalde tamén recordou que “levan  máis dun ano loitando en primeira liña contra a pandemia da covid19, salvando vidas e arriscando as súas propias vidas”.

Neste senso, subliñou que “foron tempos nos que creo que este hospital e todo o equipo que o conforma, coas dificultades e coas carencias propias da situación que nos tocou vivir, estiveron a altura das circunstancias e debemos recoñecer a súa impagable labor ó servizo de todos nós”.

Reivindicación da sanidade pública

José Tomé Roca tamén fixo un alegato a favor da sanidade pública, da que é defensor: “a pesar de todas as dificultades, seguimos a ter un dos mellores sistemas públicos de saúde do mundo. E Monforte pode presumir de hospital, da dedicación e a vocación dos e das profesionais que forman parte del”.

Así, o rexedor monfortino afirmou que “a pandemia demostrou que non se pode reducir a inversión na sanidade pública, senón que hai que reforzala, e en algún aspecto reformulala, nin esquecernos da produción propia de elementos básicos, para non depender dos vaivéns do mercado. Os servizos públicos básicos, como é a sanidade, son a garantía dos dereitos das persoas”.