Skip to main content
Monforte

Monforte súmase aos actos de celebración do Día do Orgullo LGTBI+

Por 27 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte súmase ós actos de celebración do Día do Orgullo LGTBI+ que terán lugar o vindeiro luns 28 de xuño en todo o mundo.

Deste xeito, e tal como se veu facendo en pasadas edicións, procedeuse a colocar no balcón da Casa Consistorial a bandeira arco iris, símbolo en todo o mundo da comunidade LGTBI+ (lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais, así como todas as persoas que non están recollidas nas denominacións anteriores) para conmemorar o Día Internacional dos dereitos das persoas LGTBI+.

A bandeira permanecerá pendurada dende o venres 25 xuño ó venres 2 de xullo, tal e como se veu facendo todos estes anos en que se conmemorou dende o Concello monfortino.

Con este sinxelo xesto, o Concello de Monforte quere representar o seu compromiso pola igualdade, a liberdade e a diversidade e o seu rexeitamento ás discriminacións dirixidas a calquera persoa pola súa condición sexual.

Neste senso, o equipo de goberno do Concello considera fundamental afondar na educación da cidadanía sobre diversidade sexual, a través de programas de concienciación e sensibilización que acheguen información á veciñanza e de actos simbólicos coma este que vimos de anunciar.

Declaración Institucional

No Pleno celebrado o pasado 31 de maio, a Corporación municipal aprobou por unanimidade unha Declaración Institucional co motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI+ que se celebra o vindeiro 28 de xuño.

O Día Internacional do Orgullo LGTBI+ celébrase nesa data porque conmemóranse os disturbios de Stonwell (Nova York, EEUU en 1969), que marcan o inicio do movemento de liberación homosexual. Ese día houbo unha redada policial no pub de Stonwall Inn, nun barrio de Nova York, e como resposta xurdiron de forma espontánea diversas revoltas e manifestacións violentas que pretendían protestar contra o sistema que perseguía aos homosexuais.