Skip to main content
Monforte

Nova exposición en Monforte sobre a loita contra o tabaquismo

Por 1 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte súmase ó Día Mundial sen Tabaco, que se celebrou no día de onte, luns 31 de maio.

O Día Mundial Sen Tabaco celébrase en todo o mundo o 31 de maio de cada ano. Esta celebración anual informa o público acerca dos perigos que supón o consumo de tabaco, as prácticas comerciais das empresas tabacaleiras, as actividades da OMS para loitar contra a epidemia de tabaquismo, e o que as persoas de todo o mundo poden facer para reivindicar o seu dereito á saúde e a unha vida sa, e protexer ás futuras xeracións. O lema neste ano é Os que o deixan, gañan.

Dentro das actividades realizadas pola Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) do Concello de Monforte, poderá visitarse unha exposición na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, composta por traballos realizados por usuarios de Centros de Día e Asociacións de toda a comarca de Lemos. A exposición permanecerá aberta dende o 31 de maio ata o 10 de xuño.

En dita exposición, haberá un fotocall para que as persoas que o desexen poidan facerse unha foto e subila ás redes sociais, e así colaborar nesta campaña permanente da loita contra o tabaquismo.

Na exposición colaboraron as seguintes entidades: Hogar de San José, Centro de día de Monforte de Lemos, Centro de día de Pobra de Brollón, Agora, Albores, Vida, AECC, Domus VI Bóveda, Domus VI Chantada, Centro de Maiores do Malecón, Centro de día de Escairón, Asimédica Virgen de la Luz, Afamón, Centro de día de Chantada, Espazo Xove de Chantada.

Para máis información os interesados poden dirixirse ós servizos de prevención da Unidade Asistencial de Drogodependendias do Concello de Monforte, situados na Praza da Estación, 17, no 982 400 495 e no correo electrónico uad@concellodemonforte.com