Skip to main content
Monforte

Aberto o prazo de inscrición no conservatorio de música de Monforte

Por 7 Xuño, 2021Xuño 9th, 2021Sin comentarios

O prazo de inscrición para o acceso ó Conservatorio Municipal de Monforte Mestre Ibáñez para o curso académico 2021/2022 ábrese a partir do día de hoxe, luns 7 de xuño.

O prazo para inscribirse na proba acceso ó 1º curso de grao elemental (proba de aptitude musical) será do día 7 ó 22 de xuño.

A inscrición será gratuíta e poderase facer presencialmente (coas medidas de seguridade e hixiene determinadas polas autoridades sanitarias por mor da covid19) na Secretaría do Conservatorio Municipal ou descargando a solicitude de proba de acceso na Sede Electrónica ou da web do Concello de Monforte, enviándoa debidamente cuberta ó correo do centro: conservatorio@concellodemonforte.com. As probas terán lugar o día 23 de xuño ás 17:00 horas, de maneira presencial.

O prazo para inscribirse na proba de acceso ó 1º curso de grao profesional (pase de grao) será do día 7 ó 18 de xuño.

A inscrición poderase facer presencialmente (coas medidas de seguridade por mor da covid19) na Secretaría do centro ou descargando a solicitude de proba de acceso e o impreso de autoliquidación na Sede Electrónica ou na páxina web do Concello de Monforte,  enviándoa debidamente cuberta e co extracto do recibo pagado das taxas ó correo do centro: conservatorio@concellodemonforte.com. Estas probas de pase de grao terán lugar o día 21 de xuño ás 16 horas, de maneira presencial.

Finalmente, a inscrición en Preconservatorio, materia que vai dirixida a nenos/as de entre 6 e 7 anos a modo de cursos preparatorios para o grao elemental do conservatorio, realizarase do 7 ó 25 de xuño e do 6 ó 17 de setembro. A inscrición poderase facer presencialmente (coas medidas de seguridade) na Secretaría do Centro.

O prazo de renovación de matrícula para os alumnos que xa estudan no centro, (incluído preconservatorio) para o vindeiro curso 2021/22, estará aberto do día 7 ao 25 de xuño. A inscrición poderase facer presencialmente (coas correspondentes medidas de seguridade) na Secretaría do Centro.

Para máis información, poden contactar co Conservatorio Municipal a través do teléfono 982403893, en horario de atención ó público de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas.

Audicións fin de grao e fin de curso, no edificio Multiusos

Do mesmo xeito, o Auditorio do edificio Multiusos acollerá, neste mes de xuño, as audicións fin de grao e fin de curso, que están dirixidas a todo o público en xeral e con entrada gratuíta. Estas audicións levaranse a cabo coas oportunas medidas de seguridade e protección ante a covid19.

Os seguintes días terán lugar varias audicións fin de curso nas distintas especialidades e correrán a cargo  do alumnado do Conservatorio Municipal. As actuacións realizaranse de forma individual, a dúo, ou en pequenos grupos de cámara. Serán as seguintes: audición de violín o 10 de xuño ás 18:00h, audición de saxofón o 10 de xuño ás 19:00h, audición de guitarra e percusión o día 11 de xuño ás 19:00h, audición de piano o 15 de xuño ás 19:00h e a audición vento metal, clarinete e frauta o día 17 de xuño ás 19:00h.