Skip to main content
A Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón conta cun novo proxecto de arqueoloxía

Por 18 Xuño, 2021Sin comentarios

Nace un novo proxecto de arqueoloxía en comunidade na Pobra do Brollón, en concreto, na parroquia de Salcedo. O proxecto presentouse esta semana en redes sociais baixo o nome Penas do Castelo e contará coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón, a Asociación de Veciños de Salcedo e a Comunidade de Montes da parroquia.

O proxecto xorde arredor do xacemento coñecido como Penas do Castelo, situado na montaña salcedá, entre As Laceiras e Paramedela, empoleirado sobre o Río Lor. Trátase dun xacemento complexo, cunha monumental muralla de pedra da que se conservan tramos con moita altura e que á vez aproveita as propias penas naturais.

Todo parece apuntar, tal e como está oficialmente catalogado, que se trata dun castelo altomedieval de considerables dimensións; aínda que non se descarta que  puidera ter un uso anterior.

Está prevista a finais de xuño unha limpeza vexetal con control arqueolóxico que axudará a determinar a tipoloxía e tamaño do xacemento.

Un recurso turístico e visitable

A limpeza vexetal permitirá visibilizar o xacemento e facilitará a comprensión do sitio por parte non só dos arqueólogos, senón tamén dos visitantes.

A situación do xacemento, a escasos metros da ruta de sendeirismo da Castaña e o Mel, unha das máis transitadas do Concello, aumenta o interese do recurso.

Por outra banda, unha vez limpo, a idea é incorporalo á rede de visitas guiadas estivais promovidas polo Concello xunto ao Castro de San Lourenzo, Os Conventos, adegas de Vilachá e Cova das Choias.

“Levamos tempo apostando pola estratexia de crear a medio prazo unha rede de xacementos visitables que ademais de falar de si mesmos nos conten historias dos  veciños”, comenta Xosé Luis Maceda, alcalde da Pobra do Brollón. “Penas do Castelo incorpórase a este modelo de xestión e ó longo do ano anunciaremos novos proxectos deste tipo”, engade.

Arqueoloxía de aldea

Persoal do Concello leva tempo traballando cos veciños para detectar as historias vinculadas ao xacemento e en xeral ao patrimonio salcedao.

“O oso, o teatro ou o Entroido en si mesmo son elementos que identifican a Salcedo, mais hai outras cousas que tamén están aí e témoslles que prestar atención e reivindicar”, comenta Marisa Defente, membro da directiva da Asociación de Veciños e da Comunidade de Montes. “Hai historias curiosas e fermosas que estivemos recollendo e que formarán do relato que queremos transmitir”.

Máis alá da comunidade local, a intención é crear unha comunidade virtual en torno ó proxecto para manter á xente informada e conectada, de aí que existan uns perfís xa creados de Penas do Castelo en Instagram (@penas_do_castelo) e Facebook (@penasdocastelo), onde se van compartir unha serie de vídeos cos veciños e veciñas.

Xestión forestal

O proxecto Penas de Castelo é tamén un xeito de xestión do monte dentro do porcentaxe de reinvestimento ó que están obrigadas as Comunidades de Montes Veciñais.

“Ademais do factor produtivo, debemos ter en conta o factor recreativo no monte, que  finalmente tamén é produtivo porque incide no turismo e visitantes que veñen á nosa  aldea”, comenta Teddy López, presidente da Comunidade de Montes de Salcedo.