Skip to main content
O Saviñao

O Saviñao continúa co plan de aglomerado das estradas

Por 11 Xuño, 2021Xuño 13th, 2021Sin comentarios

O Concello do Saviñao continúa co plan municipal de aglomerado iniciado o mes pasado para mellorar as vías municipais das distintas parroquias, e ao que destina 700.000 euros. Desta volta, estase a acometer a mellora dos accesos a Sanxumil, na parroquia de Vilaesteba; a Quintairo, na de Vilela; a Vexe e a Pacios, na de Rebordaos; e o que vai dende a estrada da Deputación ao Pontillón, na de Vilelos. 

Deste xeito, o alcalde Carlos Armesto, que supervisou os traballos, explica que son actuacións “que permiten vertebrar o municipio pois moitas destas estradas son empregadas para dar acceso ou saír dos núcleos de poboación entre si”. Segundo o máximo mandatario municipal as obras avanzan “a bo ritmo, de forma que se espallarán ao longo dos meses sacando unha media de dúas por día”. 

Estradas xa rematadas

As actuacións, ademais do aglomerado en quente, inclúe o desbroce e a limpeza de cunetas. En días pasados, a empresa adxudicataria rematou a estrada que une A Reguenga coa Senra, na parroquia de Mourelos, e que comunica distintos núcleos do municipio; e os accesos a Vilar, na parroquia de Marrube.

Armesto explica que “o resultado das actuacións é bo” e lembra que estas intervencións se engaden a outras obras postas en marcha recentemente polo goberno local co obxectivo de “dotar de máis e mellores servizos aos nosos veciños”. É o caso da traída de auga da parroquia de Diomondi que se prevé rematar no verán ou a mellora do parque infantil da rúa Xan de Forcados, en Escairón.