Skip to main content
O Saviñao

Obras na estrada que conecta Fontela e Mourelos, no Saviñao

Por 9 Xuño, 2021Xuño 11th, 2021Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, deu resposta á petición que lle trasladou a veciñanza de mellorar a estrada LU-P-5807, que conecta Fontela co desvío de Mourelos, no concello do Saviñao. José Tomé, xunto aos deputados de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, mantivo un encontro o pasado mércores con veciños e veciños da zona no que se comprometeu a iniciar de inmediato a renovación dun treito de preto de un quilómetro da estrada, e onte mesmo comezaron as obras, que están valoradas nuns 30.000€.

Os traballos para a rexeneración integral deste tramo da vía quedarán rematados nos vindeiros días. A institución provincial acomete con medios propios estas obras, que consisten na emulsión dun triplo rego asfáltico e que se están a realizar cos medios do Parque Móbil, dependente da área de Xestión Territorial da Deputación. Estes labores eran moi demandados polos veciños e veciñas do Saviñao e terán unha repercusión importante na mellora da seguridade viaria e na comodidade dos condutores  ao tratarse dunha ruta moi utilizada polos residentes e visitantes.

Esta vía dá servizo á Ribeira do Saviñao, concretamente ás parroquias de Diomondi, Fión e Mourelos, que son o acceso a unha zona de viñedos e forman parte da contorna do Camiño de Inverno.

O Presidente subliñou que a mellora da rede de estradas provinciais “é unha das liñas de actuación prioritarias deste goberno á que dedicamos 16M€ neste ano”. Tamén asegurou que “a mobilidade é un dereito máis da cidadanía, e manter en bo estado as comunicacións por estrada é imprescindible para favorecer a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial, e, polo tanto, para fixar poboación no rural”.