Skip to main content
Deportes SARRIAXASarria

Sarria acolle en xullo a XIII edición do campus Baloncesto no Camiño

Por 3 Xuño, 2021Xuño 4th, 2021Sin comentarios

A XIII edición do campus Baloncesto no Camiño chega a Sarria no vindeiro mes de xullo. O campus está dividido en dous turnos: un do 11 ao 18 de xullo -que xa está completo- e outro do 18 ao 25 de xullo.

O campamento está dirixido a nenos e nenas nados entre o 2004 e o 2013 que queiran disfrutar dunha actividade deportiva, cultural e de lecer. Así mesmo, preténdese promover e desenvolver o baloncesto dende a base, ofrecendo unha alternativa de diversión e aprendizaxe durante os meses de verán.

O número máximo de asistentes ao campus é de 70 por quenda. Unha vez se alcance ese número pecharase a inscrición. Neste caso poderase realizar a inscrición en lista de espera e en caso de producirse algunha baixa contactaremos co rexistrado da lista que se axuste ás condicións do causante da baixa.

Os prazos de inscrición son do 1 de xuño ata o 5 de xullo e pódese elexir entre dúas modalidades. Por un lado, réxime interno e por outro réxime externo.

No primeiro caso, os participantes hospedaranse no Albergue Casa Barbadelo e contarán con: adestramentos con adestradores superiores, actividades con director de tempo libre, adestramentos de tecnificación, adestramentos de preparación física, excursións, competicións e actividades nocturnas, así coma pensión completa.

No segundo caso, o horario será de 10:15 hasta 13:30 horas pola mañá, e de 17:00 a 19:45 horas pola tarde e non se incluirán actividades fóra dese horario nin comidas. Por tanto, as actividades que se inclúen son: adestramentos con adestradores superiores, actividades con director de tempo libre e excursións, así coma o snack de media mañá e a merenda.

En cambos casos cóntase con seguro de responsabilidade civil e accidentes, así coma asistencia sanitaria da cruz vermella.

Para máis información ou para anotarse pódese visitar a web baloncestonocamino.es/campus/

Inicios do campus

A idea xorde en 2009, cando tres profesionais do deporte, Miguel Ángel Hoyo, director do campus; Miguel Moreno, director de márketing; e Adrián López, responsable de equipos no Club Baloncesto Sarria; unen forzas para crear unha plataforma de promoción do baloncesto a nivel galego, nacional e internacional, co fin de consolidalo como alternativa de lecer saudable para os máis novos.

A este obxectivo contribúen, co seu patrocinio e apoio, o colexio Frei Luís de Granada, Ies Gregorio Fernández, Ies Xograr Afonso Gómez, Club Baloncesto Sarria e o Concello de Sarria.