Skip to main content
O Incio

A Tradescola imparte unhas xornadas de música tradicional no Incio

Por 2 Xuño, 2021Xuño 3rd, 2021Sin comentarios

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará esta semana novas actividades de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia. Concretamente, o  venres día 4 de xuño estará no CEIP Ricardo Gasset do Incio para impartir unhas novas xornadas de  música tradicional para escolares. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da  Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través deste concerto.

No Incio realizarase un concerto que impartirán os mestres Jose Manuel López, Lucía Eiros e Branca Villares. No evento amosaráselles aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega. O concerto didáctico realizarase no exterior e cumprindo todas as medidas fronte á covid19.

Dende a Tradescola trabállase a reo para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da  mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor.

Estos concertos son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e a través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos amosar esta riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de  contidos e na que todas e todos os escolares poden participar de xeito activo con preguntas e aportacións,  contribuíndo e potenciando deste xeito á divulgación da cultura e a súa conservación.

A Tradescola ofrece formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, como no resto de comarcas  da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e  baile tradicionais.

Unha asociación creada para a promoción da música tradicional

A AGG conta neste momento con mais de 800 asociados e asociadas distribuídas por todas as comarcas  galegas e na Galiza exterior. A través dos seus asociados a AGG ten presenza na maior parte das  asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país.

A AGG é a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galiza.