Skip to main content

Por Moncho Paz

Lembro que o ano 1977 supuxo un punto de inflexión nas nosas vidas. No decurso dun xantar familiar, imaxino que nas datas do Entroido -pois había orellas e filloas de sobremesa- os meus pais comunicáronnos que en poucas semanas mudaríamos de casa, pasando a residir onde anteriormente estivera a tenda do meu avó Mario Xosé, na rúa Xardíns, que fora substituída por un edificio de catro plantas que nada tiña que ver coa morada onde naceran e medraran o Chavito e os seus irmáns na década de 1930.

Os meses seguintes foron de transición, a cabalo entre a nosa vivenda situada enriba do local da Carretera -dende onde podíamos ver pola xanela as ramaxes da Pradia, o bar Caracas e o hostal Venezuela, os comercios de electrodomésticos Naseiro e de tecidos Eliseo Ramil e tamén a xoiería de Víctor Mato- e o novo piso, con amplo balcón, que sería a nosa residencia definitiva a partir de entón. Inicialmente, o cambio foi recibido con ilusión, polo que representaba de novidoso, mais axiña comezamos a botar en falta pequenas e grandes cousas: os aromas da confeitería e da fábrica de chocolate, o leite fresco que recibiamos cada mañá en botellas de cristal, o bulebule de Sagrario Guntín Currás no ultramarinos, que nos despedía todos os días cun sorriso cando íamos cara á escola, e os paquetes de sándwich Cuétara que nos daba nese intre, recheos de limón, amorodo, nata ou vainilla. O slogan publicitario xa o dicía todo: “Felicidade en cada galleta”. Casualidades da vida, resultou que o xefe de vendas desta marca en Galicia -e interlocutor comercial dos Marios- a finais dos sesenta e comezos dos setenta, era Francisco Jorquera, o pai de Félix -coñecido locutor radiofónico- e de Paco, que na actualidade é un dos concelleiros do Bloque Nacionalista Galego na corporación municipal da Coruña.

Sagrario era curmá do Chavito e sempre foi -e segue a selo- unha muller moi apreciada por toda a familia. Entre as súas múltiples calidades cómpre destacar que daquela era a raíña do mambo no trato cos clientes, especialmente os días de feira, nos que manexaba con mestría e man esquerda a técnica do regateo, á que tan afeitos estaban os numerosos paisanos que viñan mercar dende as distintas parroquias de Vilalba. Observando as súas habilidades como vendedora, coñecemos produtos como a chicoria para o café, os bombóns de licor envoltos en papel de aluminio coas cores dos semáforos, doces e lambetadas de todo tipo e, por suposto, os viños quinados, moi recomendados naquela época para abrir o apetito. Había varias marcas de moito renome, como Quina Santa Catalina e Sanson, pero a máis afamada era Kina San Clemente. Nas súas mensaxes publicitarias recomendábase subministrar este líquido elemento a nenos e maiores, polas súas propiedades dixestivas como parte dunha dieta saudábel e incluso o seu departamento de márketing creou un personaxe de cómic chamado Kinito, que amosaba poderes sobrenaturais (ao estilo Popeye) cando inxería un grolo de quina. Francisco Ibañez, pai artístico de Mortadelo e Filemón, foi o encargado de debuxar estas historietas infantís que acadaron enorme popularidade entre os máis novos.

De súpeto, todos queriamos ter un boneco de plástico coa súa figura, ao que eu chamaba agarimosamente “o meu macaco”; pero a cousa non era doada, pois para conseguilo era preciso recompilar seis tapóns dos envases do máxico elixir, introducilos nun sobre e envialos por correo ordinario coa seguinte referencia: “Kinito. Salamanca nº 1. Málaga”. E cando íamos levar o sobre á Oficina Postal, a maior parte das veces atendíanos educadamente o señor Guerrero, aínda que nós preferiamos que o recollera o Quinito (con Q) da Porta de Cima, para por enriba facer a brincadeira, que nunca encaixou mal. E un mes despois de depositalo, recibías puntualmente no teu domicilio a simpática figura do que chegou a ser un dos personaxes infantís máis coñecidos naquel tempo, rematando as súas aventuras de maneira surrealista, pois o Ministerio de Gobernación aplicoulle a Lei de Perigosidade Social por apoloxía do alcolismo, prohibindo a emisión dos anuncios televisivos que con tanto éxito protagonizaba.

E logo estaba a chicoria, un produto que nos facía moita graza polo nome e que se vendía en paquetes de medio quilo. É unha planta coñecida dende os tempos remotos polas súas propiedades medicinais, como alimento e condimento. A marca máis demandada polos clientes da Casa dos Marios era La Noria, que tiña a fábrica en Cuéllar, na provincia de Segovia. Sagrario despachábaa ledamente como roscas. De feito, existe unha variedade de chicoria que proporciona un sucedáneo de café que en moitas zonas do rural galego foi máis popular que o tradicional, especialmente durante as crises económicas do século XX. E agora, cos novos costumes alimenticios que recuperan hábitos que aprendemos dos nosos devanceiros, a chicoria encaixa perfectamente no estilo de vida actual, no que buscamos alimentos enriquecidos, que colaboren na mellora da saúde cardiovascular, no tránsito intestinal e non teñan o inconveniente de incluír excitantes. Cousas veredes…