Skip to main content
Cospeito

Demandan ao Congreso actuacións para conservar a torre de Caldaloba

Por 14 Xuño, 2021Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar varias iniciativas no Congreso e alerta ao Goberno sobre o grave deterioro que presenta a Torre de Caldaloba para que actúe e restaure a construción medieval,  que ameaza con derrubarse, para a súa posterior posta en valor. Alén do máis, o deputado da formación nacionalista na cámara baixa propón a realización dun estudo do conxunto da torre e as pertinentes prospeccións arqueolóxicas con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado.

A torre de  Caldaloba está situada na parroquia de Piñeiro Mato. O actual acceso á torre entraña moita dificultade, tanto pola orografía do terreo como pola inexistencia de sinalización. A pesar de ter sido declarado como Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994, na actualidade atópase en moi mal estado, presentando varias fendas na estrutura e unha cuberta de maleza que poñen en serio perigo a estrutura.

Os restos da Torre de  Caldaloba, ademais de pola súa riqueza arquitectónica, adquiren un incalculábel valor histórico polos feitos dos que foi testemuña. “É deber das distintas Administracións Públicas protexer a fortaleza e colaborar entre elas para dar a coñecer a súa existencia e historia, para o que resulta imprescindíbel que se acometa de forma urxente a súa consolidación e restauración” destaca o deputado nacionalista.

Por estes motivos, a formación nacionalista rexistra iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado contribúa a pór en valor o patrimonio histórico e cultural da Galiza e leve a cabo proxecto de restauración da construción medieval. Así mesmo, que incorpore con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado “a limpeza da contorna e dos accesos procedendo á súa adecuada sinalización, o seu levantamento topográfico, así como a realización dun estudo do conxunto da torre de Caldaloba e as pertinentes prospeccións arqueolóxicas”.

Ocultar a historia da Galiza

“As Administracións Públicas tamén teñen o deber de posibilitar á cidadanía, neste caso á galega, coñecer a súa propia historia” explica Rego. Para iso tense que facilitar o acceso ao coñecemento, para a súa análise e interpretación, duns feitos cruciais da historia de Galiza que “a día de hoxe seguen ocultándose, deformándose ou simplemente silenciándose”.

Do punto de vista histórico, o último terzo do século  XV representa na Galiza unha época crucial para o posterior desenvolvemento histórico pois condicionou en gran medida o noso presente. Máis no concreto, o papel xogado polo  mariscal Pero Pardo de Cela que liderou a oposición de Galiza ante a política impulsada polos Reis Católicos, regresiva desde o punto de vista nacional e social “é ocultado e ignorado pola maioría da poboación. Resulta curioso comprobar como un episodio determinante para a historia galega resistiu o paso dos séculos case exclusivamente a través da tradición oral popular” ironiza o deputado nacionalista.

As consecuencias da derrota da resistencia, á marxe de condicionar o futuro desenvolvemento de Galiza, resultaron traumáticas para a sociedade da época pois supuxeron, por exemplo, a introdución da “Santa Inquisición”, a inxerencia dunha policía política claramente represiva e  eufemisticamente denominada “Santa Irmandade”, a dependencia da Audiencia de Galiza da de Valladolid, a asunción de competencias políticas por parte dos correxedores (axentes  plenipotenciarios da Coroa española), a disolución dos exércitos galegos, a demolición dunhas 150 fortalezas e torres defensivas, a imposición do sistema castelán de pesos e medidas, a prohibición de constituír ligas, confederacións e confrarías (reprimindo mesmo reunións numerosas en enterros e  bautizos), o envío de nobres e fidalgos á guerra de Granada (aos que se negaban castigábaselles duramente), supresión do voto de Galiza en Cortes (asumindo Zamora esa representación), supresión do uso escrito do idioma galego e un longo etcétera de efectos que representan, globalmente, a práctica desaparición do Reino de Galiza como unidade política soberana.

“Pardo de Cela estivo enfrontado militarmente durante cinco anos coa monarquía castelá e, finalmente, foi capturado durante o asedio da Frouxeira e decapitado xunto ao seu fillo na Praza Maior de Mondoñedo en 1483, representando este feito o fin dunha dinámica política propia no Reino de Galiza” explica Rego.

Con posterioridade a este suceso, a filla do  mariscal, Constanza, e o seu marido, Fernán Ares de Saavedra, seguiron resistindo fronte a Fernando de Acuña, delegado do Goberno dos Reis Católicos na Galiza. Xunto a un grupo de guerreiros, resistiu na Torre de  Caldaloba durante once meses o sitio das tropas de Diego López de  Haro, sucesor de Acuña. Constanza morreu resistindo o asedio na Torre, sen chegar a renderse.