Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

O Concello de Friol acolleu un simulacro contra os incendios forestais

Por 10 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello de Friol acolleu un simulacro para reforzar a preparación do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) de Galicia ante lumes nos que se activa a situación operativa 1, pola afectación a masas forestais e pola posibilidade de que estean en risco tanto as persoas como os seus bens. Deste xeito, comprobáronse as capacidades xerais do dispositivo neste tipo de situacións. 

Así, o distrito forestal IX Lugo-Sarria puxo a proba a capacitación dos efectivos mediante adestramentos específicos sobre comunicacións Tetra, manobras de autoprotección, coordinación de medios, etc. Tamén se ensaiou a activación da chamada de emerxencia por parte dos profesionais cando se atopan en situacións de perigo. 

Este simulacro desenvolveuse no monte Cova da Serpe, na parroquia de Anafreita, onde participaron 3 técnicos, 5 axentes, 2 brigadas e 2 motobombas. Ademais, tamén se despregou unha unidade técnica de apoio formada por un técnico do servizo provincial.

En definitiva, este tipo de prácticas permiten non só reforzar os coñecementos dos integrantes do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia senón tamén testar a operatividade das tecnoloxías e así familiarizar aos profesionais co seu emprego.