Skip to main content
Axenda Caducada

Todo listo para o Festival da Poesía Guitirica de Guitiriz

Por 8 Xuño, 2021Xuño 13th, 2021Sin comentarios

Celebrarase o 12 e o 13 de xuño no Campo da Feira de Guitiriz. Abriu o prazo para anotarse ao roteiro de Díaz Castro, que se levará a cabo o domingo ás 10:30 horas.

Todo está preparado para retomar o pulso da axenda cultural en Guitiriz coa celebración do primeiro festival de Poesía Guitirica que se celebrará esta fin de semana, o 12 e o 13 de xuño, no Campo da Feira de Guitiriz.

Hoxe, luns 7 de xuño, tivo lugar a presentación do evento que organiza o Concello de Guitiriz, coa colaboración de Nova Poesía Guitirica, e que conta cunha programación que abarca desde roteiros a música ou recitais de poesía.

No acto, celebrado na casa Habanera, participaron a primeira tenente de alcalde de Guitiriz, Paula Campo Barral; a xefa provincial de Cultura da Xunta, María José Gómez; os representantes de Nova Poesía Guitirica, Pilar Maseda e Luz Airado; e o representante do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

Paula Campo Barral animou “aos veciñas e veciñas a achegarse ao Campo da Feira e gozar do festival” que, como cualificou Pilar Maseda “abrirá unha fiestra neste eido na Terra Chá xa que a poesía de base é fundamental”.

Ademais, dentro da programación do festival, hoxe tamén se inaugurou unha exposición sobre a vida e obra de Xela Arias baixo o título ‘Aquela nena de Sarria’, que permanecerá na Casa Habanera ata o 14 de xuño e que poderá visitarse de luns a venres en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 18 horas.

María Xosé Gómez destacou que “esta é unha iniciativa moi boa que debe chegar a cantos máis concellos mellor para, entre todos, difundir a vida e obra de Xela e que chegue ao maior número de persoas” mentres que Xulio Xiz dixo que “esta é a nosa parada número 45” deixou claro que “cunha soa mostra sería impensable soster a demanda que tiña a figura de Xela Arias e por iso executamos esta mesma exposición, pero en diferente formato, noutros puntos da xeografía galega”.

Programación do festival

A rexedora guitiricense fará o saúdo institucional ás 12 horas e o pregón terá lugar ás 14 horas a cargo de Alfonso Blanco Torrado, impulsor de Xermolos e da posta en valor de Díaz Castro entre outras moitas cousas.

Durante estas dúas xornadas haberá presentacións literarias como a da revista NPG GAzeta, as palestras sobre Carvalho Calero e Xela Arias, e os libros Poema da rúa das aves de Miguel Barrera, Abril de Luz Darriba, Abecedario do país das albarizas de Xulio Pardo de Neyra, Lareira de Soños, de Pas Veres, Versos do desasosego de Ana Barral, Non estamos preparados para medrar de Teresa Ríos Noya e Bambán de vento de Hortensia Bautista.

A música e a poesía estarán presentes durante todo o festival coas actuacións da Escola de Música e da UNED Sénior da Coruña, o concerto de Corredores de Sombra e o recital poético musical de Paco Rivas e Tono. Ademais, haberá recitais poéticos en diferentes puntos das rúas da vila nas xornadas do sábado e o domingo, co obxectivo de achegar a poesía a toda a cidadanía.

O domingo ás 10:30 horas realizarase o roteiro de Díaz Castro, guiado por Raúl Río e no que participarán tamén os rapaces e rapazas do IES Díaz Castro. Desde hoxe e ata o xoves, 10 de xuño, ás 19 horas estará aberto o prazo para anotarse a través do correo electrónico biblioteca@concellodeguitiriz.com ou na seguinte ligazón: https://bit.ly/34UuI5B. O Concello habilitará un bus para desprazarse ata o punto de inicio.

O domingo ás 19 horas, como peche do festival, terá lugar a entrega de premios conxunta do certame poético ‘Vilariñas’, presentado por Luz Airado, e do premio Xosé María Díaz Castro, presentado pola concelleira de Cultura, Ainara Pérez. No acto haberá tamén actuará Eugenia Sanmartín.

Agrupacións participantes

Ao longo do festival participarán, tanto nos recitais poéticos como nas presentacións literarias, integrantes de diferentes agrupacións poéticas de todo o territorio galego como son: Nova poesía guitirica, Nómades do verso, Versos de area, Irmandade luso galaica, In Nave Civitas / urbano Lugrís, Moraima /a grafía da emoción.