Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Outeiro de Rei busca opcións para facer máis competitivo o seu parque empresarial

Por 11 Xuño, 2021Sin comentarios

Xunta de Galicia asesorará ao Concello de Outeiro de Rei para planificar o desenvolvemento da súa área empresarial co fin de tentar optimizar a súa competitividade e atraer así novos asentamentos de empresas e proxectos industriais na zona.

Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor, José Pardo, no transcurso dunha reunión que mantiveron esta semana para falar de diversos asuntos de interese municipal.

Neste sentido, o alcalde trasladoulle á conselleira que esta área industrial, promovida no seu momento polo Goberno municipal e o tecido empresarial da zona, atópase moi ben comunicada, ao carón da A-6 e a pouca distancia da cidade de Lugo, polo que tamén ofrece unha fácil conexión coa A-8 que comunica toda a cornixa cantábrica, motivo polo que considerou que o polígono de Outeiro de Rei conta cun gran potencial.

Noutra orde de asuntos, a conselleira e mais o rexedor tamén analizaron a posibilidade de que ambas administracións colaboren nun proxecto municipal para desenvolver novos espazos verdes nos que promover as actividades de ocio e lecer ao aire libre entre a veciñanza.

A este respecto, Ángeles Vázquez trasladoulle que nos orzamentos do seu departamento para 2021 hai reservados máis de 7,4 millóns de euros para obras destinadas a crear ou mellorar equipamentos municipais, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas.

De feito, cómpre lembrar que desde o ano 2010, a Xunta colaborou coas entidades locais a través do chamado Plan Hurbe na execución de máis de 310 intervencións urbanísticas cun investimento de case 150 millóns de euros co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar infraestruturas de uso público e colectivo que redunden nunha mellora da calidade de vida dos veciños das vilas galegas.