Skip to main content
As Pontes

As Pontes lanza unha aplicación de escape room

Por 16 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello das Pontes presentou unha aplicación de escape room que leva por nome As Pontes Misteriosa, unha alternativa de ocio, xogo e diversión, que permitirá ás persoas participantes coñecer máis polo miúdo a historia e patrimonio do municipio.

Elena López, concelleira de Turismo,  apunta que se “trata dun proxecto novidoso orientado a un público infantil e xuvenil no que se une educación e lecer a través dunha ruta mapeada e guiada mediante pistas e enigmas. Cada participante diríxese a diferentes espazos e puntos claves do municipio ao tempo que descubre a nosa historia e patrimonio”.

Este xogo para os móbiles nace como unha forma diferente, divertida e orixinal de amosar As Pontes, adaptada ás circunstancias da pandemia xa que está deseñada para que se poida xogar de forma individual e sen límite de tempo, evitando así concentracións.

Trátase dun sistema de xogo autoguiado que se inicia na Biblioteca Municipal, a primeira das vinte localizacións clave na vila. En cada unha delas preséntase un enigma ligado á historia, ás personaxes ou ao patrimonio histórico e natural do municipio.

A solución dese enigma leva á persoa participante ao seguinte punto ao tempo que recibe pistas para resolver o misterio final. Con cada logro conseguido o sistema acumula puntos para elaborar un ranking que engade un aliciente para todas aquelas persoas ás que lles gusta a competición.

Cabe destacar, ademais, que se pode facer en varios momentos ou mesmo días, xa que non é obrigatorio xogalo de forma continua posto que a aplicación garda o progreso e estará dispoñible durante un ano. Isto facilita que non se produzan aglomeracións neses puntos e permítelle ás familias liberdade horaria para xogar.

Esta iniciativa está impulsada pola área de Turismo e procúrase a hibridación entre o dixital e o presencial, xa que se xoga mediante unha aplicación gratuíta e compatible con todos os dispositivos IOS e Android ao tempo que se percorren eses puntos clave do municipio.