Skip to main content
As Pontes

As Pontes recupera parcelas para a ampliación de solo industrial

Por 1 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello das Pontes inicia a tramitación para a aprobación inicial, por parte do pleno municipal, da modificación de cualificación urbanística das parcelas destinadas a equipamentos públicos do Parque Empresarial de Penapurreira e do Parque Empresarial de Os Airios.

O Concello propón esta modificación como medida de fomento da competitividade, modificando os usos actuais das parcelas reservadas a equipamento dentro das áreas empresariais cara a usos industriais, máis acordes coas necesidades actuais.

Ao amparo do art.42.2.b) da Lei 2/2016 do 10 de febreiro do Chan de Galicia, o Concello xustifica a non necesidade dos chans de equipamentos públicos existentes, tanto no Parque empresarial de Penapurreira como no Parque empresarial dos Airios, e propón a reconversión a chan industrial, o que dotará ao municipio de oito novas parcelas habilitadas para o asentamento de industrias, que supoñen un total de 40.201 metros cadrados repartidos entre ambos polígonos.

Ana Pena, responsable de Industria do Concello das Pontes subliña a importancia desta modificación, incidindo en que “a cobertura de equipamentos públicos atópase satisfeita no municipio, existindo recursos espaciais suficientes no caso de precisar albergar novas instalacións que poidan xurdir”

“Esta modificación permitiranos dispoñer de chan adaptado para novos asentamentos industriais, fomentando a competitividade do Polígono de Penapurreira e Os Airios que  na actualidade teñen totalmente cuberta a súa capacidade”  engade  Ana Pena

Desde o Concello das Pontes agradecen á Xunta de Galicia a súa  colaboración e celeridade na tramitación deste procedemento que favorece o desenvolvemento industrial no municipio.