Skip to main content
As Pontes

As Pontes abre o prazo de inscrición nos campamentos urbanos de verán

Por 2 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concellos das Pontes abre o prazo de inscrición nos Campamentos Urbanos de Verán 2021 que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto e que teñen como obxectivo facilitar e promover a conciliación laboral e familiar durante o período estival. 

Estes campamentos levaranse a cabo no CEIP A Magdalena e inclúen actividades educativas, de lecer e deportivas. A rapazada destinataria destes obradoiros é aquela nada entre 2009 e 2017 cuxos proxenitores estean empadroados no municipio. Ofértanse un total de 45 prazas, precisándose un mínimo de 10 inscricións.

Existen dúas opcións horarias para o aproveitamento destes obradoiros. Por unha banda, de 8:00 a 14:30 horas contarase con almorzo saudable e servizo de transporte. Pola outra, tamén existe a opción de 10:00 a 14:30 horas sen desfrutar destes dous servizos.

A documentación requirida para poder anotarse é o Libro de Familia, a fotocopia de DNI das solicitantes e menores, o certificado de empadroamento ou a autorización para poder comprobar eses datos no padrón municipal e a Declaración da Renda do 2019.  Doutra banda, tamén será necesario achegar os certificados de empresa conforme se está en período laboral, documentación acredicativa de asistir á formación ou similar, resolución do Programa de atención (PIA) onde se recoñeza a libranza para coidados no contorno familiar por coidador non profesional ou outra documentación que xustifique outras situacións baremables para poder asistir a este campamento.

A documentación, xunto co modelo de solicitude pode presentarse desde o mércores 2 de xuño e ata o 16 de xuño, incluído. A través do Rexistro Municipal do Concello en horario de 8.30 a 13.30 horas, con cita previa nos teléfonos 667129388/667129389 ou tamén a través da sede electrónica municipal.