Skip to main content
Vilalba

O Concello de Vilalba presenta o plan de renovación de viais en Rioaveso

Por 16 Xuño, 2021Xuño 17th, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, presentáronlle esta mañá aos veciños e veciñas os traballos de acondicionamento e renovación de varios viais de titularidade municipal que discorren pola parroquia de Rioaveso.

As obras contan cun orzamento de 60.000 euros e inclúen a apertura e limpeza de noiros, rexeneración e sinalización dos tramos de titularidade municipal da parroquia.

As principais estradas que atravesan Rioaveso son a LU-120 (titularidade autonómica), a LU-P-6501 (titularidade provicincial) e a LU-P-6514 (titularidade provincial). Entre medias de estas estradas de gran entidade, unha infinidade de vías municipais vertebran o territorio, dando acceso ás vivendas, explotacións e parcelas que se distribúen ó longo de toda a parroquia.

A tipoloxía destas vías municipais é moi similar en toda a parroquia, con trazados sinuosos adaptados ás necesidades de acceso a cada parcela. O continuo uso ó que se ven sometidos estes viais, así como as condicións climatolóxicas e o paso do tempo provocan que os noiros das estradas se saturen de terra vexetal, perdendo a súa forma e uso.

Esta situación provoca que as augas pluviais non se evacúen da plataforma da estrada, xerando danos sobre a capa de rodadura que se incrementan polo desgaste sufrido a consecuencia do paso de vehículos.

Por ese motivo, coa intención de reducir o deterioro que sufren distintas vías municipais e mellorar así a seguridade de uso e a calidade de vida dos seus veciños, o Concello de Vilalba promove actuacións sobre tres das estradas de maior uso de toda a parroquia, así como dos diferentes ramais que as comunican con vivendas e outras vías en mellor estado de conservación.

As actuacións previstas serán as mesmas para todos os viais: Limpeza ou apertura de noiros a ambos lados da estrada, regularización e bacheo da vía con tratamentos bituminoso semiprofundo e renovación da capa de rodadura mediante doble tratamento superficial en toda a súa superficie.