Skip to main content
Vilalba

O PP vota en contra á moción socialista de facer en centro de día en Vilalba

Por 25 Xuño, 2021Sin comentarios

Continúa a tensión pola construción dun centro de día para maiores en Vilalba. A proposta socialista no Parlamento non foi para adiante alegando que o Concello non presentou ninugnha petición mentres que o PSOE pide explicacións a Sandra Vázquez o veto do seu partido.

O parlamentario socialista Luis Álvarez emprazou á deputada do PP e concelleira en Vilalba Sandra Vázquez a explicar no concello por que o PP vetou a iniciativa socialista para pedirlle á Xunta que faga un Centro de Día. O responsable socialista presentou na Comisión de Sanidade esta proposición non de Lei na que lle reclamaba ao goberno galego que garantira a posta en marcha deste servizo no próximo ano.

Álvarez lamentou que a concelleira do PP nin sequera tivera a ben participar do debate de hoxe, deixando en mans dun compañeiro de partido que replicou cun “argumento tan inconsistente e pueril como recorrer a unha rúa sen peatonalizar” para desbotar a proposta. Cuestionou ademais o coñecemento xeográfico do PP, que sinalou que a provincia xa tiña centros de día nos concellos de Abadín, Begonte e Cospeito, ben afastados dos usuarios de Vilalba.

Ironizou co feito de que o parlamentario do PP “mesmo podería ser capaz de situar Abadín na Costa da Morte igual que na Costa de Marfil”. Ademais, lembrou que os tres concellos están gobernados polo PP, como foi Vilalba entre 2009 e as últimas eleccións de 2019, un prazo no que non tiveron a ben acadar o centro de día que si que acadaron os outros tres concellos.

Sinalou que sen embargo o PP local si que mudou a súa posición, logo de 10 anos negando a necesidade deste servizo para pasar a pedilo dende os dous últimos meses, antes de rexeitalo no Parlamento e apelando a financialo con fondos Next Generation EU. Álvarez acusou ao PP de “invitar sen pagar”, para que o centro sexa financiado por outras administracións e, “se finalmente non hai fondos culpar ao goberno de España”.

Explicou que “o Centro de Día é necesario para Vilalba con independencia de que sexa financiado con fondos europeos”, e lembrou que a Xunta de Galicia “ten fondos propios máis que suficientes para levar a cabo esta actuación”, sinaladamente logo de que a Consellería de Política Social sinalara que os orzamentos para este ano permiten “a maior inversión da historia”.

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda, o portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou no Parlamento galego que o Concello de Vilalba “faga algunha xestión e presente unha solicitude á Xunta para a construción dunha casa do maior, unha obra que conta co apoio do grupo municipal do PP”.

Alberto Pazos lamentou “a estratexia que seguen tanto o BNG como o PSdeG de intentar enganar aos galegos insistindo nunha suposta falta de compromiso do Goberno galego cos servizos sociais de Galicia”. “Unha estratexia do engano que é contundentemente desmentida polos datos obxectivos e polo respaldo dos galegos á política social do PPdeG”, asegurou.

Referíndose en concreto á construción dun centro de maiores en Vilalba, Pazos lembrou que “o propio grupo municipal do PPdeG formulou a construción dun centro de día que mellore a atención aos maiores, unha demanda tamén realizada polo Sindicato Labrego Galego, solicitando ao Concello que facilite o proxecto e a ubicación, así como propoñendo unha fórmula de financiamento viable a través dos fondos europeos Next Generation”.

Porén, o portavoz popular lamentou que, “despois de que o grupo socialista prometera durante a campaña electoral municipal a construción dun centro de día en Vilalba, pasaron dous anos de mandato e só se lle ocorreu volver a sacar este tema, sen facer ningunha xestión ou presentar solicitude algunha, cando ten outras polémicas municipais enriba da mesa, como a proposta peatonalización de rúas locais”.