Skip to main content
Vilalba

Xa hai gañadores do concurso de Microrrelatos de Vilalba

Por 1 Xuño, 2021Sin comentarios

O xurado vén de emitir o fallo do Concurso de Microrrelatos Día do Libro 2021, organizado polo Concello de Vilalba en colaboración con Culturalia GZ.

Na categoría Infantil a vencedora foi Mencía Naz Martín con Onde estou (de Vigo). No segundo lugar quedou a vilalbesa Paula Pérez Cendán con Océano. O xurado deixou deserto o terceiro.

En categoría xuvenil o primeiro premio foi para Abril Viqueira Pose, con Vía de escape” (de Ordes), á que seguiron Lucía Martínez Lago e Normal (de Vigo) e Mariña Maceiras Segovia, con Xurista (de Pontevedra).

Tamén se estableceu unha categoría para adultos, na que o gañador foi Jose Ángel Corral Suárez, coa peza Crescendo (veciño de Bertamiráns). En segundo lugar quedou José Manuel Souto Lema e Uns polos outros (de Coristanco) e pechou o podio Patricia Torrado Queiruga e En carne viva (veciña de Porto do Son).

O xurado estivo composto por Mercedes Queixas, profesora e escritora; Ánxela Gracián, tradutora e escritora, e Armando Requeixo, escritor, profesor e crítico literario.

En canto aos microrrelatos premiados e finalistas, o xurado quixo destacar a alta calidade dos traballos na categoría de persoas adultas, con propostas de moi diversa natureza, valorando o nivel de esixencia nun formato moi reducido que ten unha dificultade engadida para condensar unha historia imbuida no mundo referencial ao que remite a palabra libro. En canto ás categorías infantil e xuvenil, o xurado anima a unha maior participación en edicións futuras.