Skip to main content
Vilalba

Vilalba ten listo o proxecto para o vial de Bidueiros, en Goiriz

Por 5 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello de Vilalba xa ten listo o proxecto de renovación do vial municipal que comunica o acceso Este do polígono industrial de Vilalba co núcleo de Bidueiros e remata no vial municipal 065_092, na parroquia de Goiriz.

Trátase dun vial moi utilizado por veciños e viaxeiros, debido a que forma parte do percorrido do Camiño de Santiago no tramo que comunica as vilas de Abadín e Vilalba. 

Por este motivo, ademais do proxecto era necesaria a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para realizar a actuación, uns permisos que xa están en mans do Concello de Vilalba.

Este vial exerce una labor vertebradora de relevancia para os veciños do núcleo de Bidueiros, ao comunicalos coa capital municipal e o parque empresarial mais importante da contorna. A súa lonxitude total ascende a 960 metros, con ancho medio afirmado de 4.10 metros.

O paso do tempo e o intenso uso provocaron o seu deterioro, existindo zonas que sofren deformacións lonxitudinais e puntos onde o pavimento desapareceu, asomando as gravas das capas base.

“É por este motivo polo cal resulta urxente a actuación sobre o vial, posto que a falta de capas superficiais de pavimento dificultan o tráfico de vehículos e peóns, incrementando o risco de caídas ou accidentes”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

Cun orzamento de 25.000 euros, os traballos servirán para a renovación do pavimento existente na estrada, mantendo a súa tipoloxía pero mellorando a súa regularidade e acabado superficial cos mesmos materiais e técnicas construtivas de orixe. Desta maneira, a estrada conserva as súas características orixinais e prolonga a súa vida útil.