Skip to main content
Xermade

O PP de Xermade propón medidas para incentivar a rehabilitación de vivendas

Por 9 Xuño, 2021Sin comentarios

O Grupo Municipal do PP de Xermade vén de rexistrar un rogo a través do que lle propoñen ao goberno local que o Concello desenvolva medidas para promover a rehabilitación de vivendas no municipio dirixidas a residencia habitual -tanto en propiedade como en réxime de alugueiro- como medida de apoio ao asentamento da poboación en Xermade. “Un informe do Banco de España sinalou a Xermade entre un dos 17 concellos da provincia en risco de despoboamento. Xermade ano tras ano perde poboación e non podemos sentirnos satisfeitos”, segundo sinala o portavoz, Antonio Riveira, que cre que “os Concellos poden actuar a través de determinadas medidas   coma a dotación de servizos básicos para procurar reverter a perda de poboación”.

Os populares propoñen, con ese obxectivo, que o Concello actúe de diferentes formas: asesorando aos veciños; establecendo bonificacións para as obras de rehabilitación e ofrecendo incentivos ao alugueiro de vivenda en Xermade. Así mesmo, cren que o goberno local debe tramitar ante a Xunta Áreas de Rehabilitación Integral en zonas rurais e acelerar a aprobación do PXOM como mecanismos de apoio aos veciños interesados en rehabilitar as súas vivendas ou construír unhas novas na zona rural.

A proposta do PP de Xermade recolle que “o Concello facilite información aos interesados e asesore sobre o procedemento de tramitación de axudas autonómicas e, incluso, promova unha liña de axudas complementaria ás que convoca anualmente a Xunta en materia de rehabilitación, eficiencia enerxética, cubertas, fiestras, melloras en seguridade e accesibilidade, e incluso para adecentar as edificacións auxiliares ás vivendas e corrección de impactos paisaxísticos”.

O voceiro do PP local, Antonio Riveira, sinala tamén que “o Concello debe bonificar a taxa sobre as licenzas de obra para mellorar as vivendas habituais, establecendo o compromiso de mantela durante un período de tempo” e para iso “é necesario modificar a ordenanza municipal reguladora que inclúa este requisito”.

Mecanismos de apoio á rehabilitación 

O popular defende tamén que “o Concello debe promover e tramitar ante a Xunta Áreas de Rehabilitación Integral en zonas rurais, para determinados núcleos ou dunha forma máis xeneralizada, porque poden supoñer importantes axudas para os propietarios”, explica.

Riveira urxe, así mesmo, a “acelerar a aprobación definitiva do PXOM co obxectivo de facilitar as actuacións e novas construcións en núcleo rural e en solo rústico vinculadas ás explotacións agrogandeiras”.

Incentivos ao alugueiro

A propostas dos populares inclúe o establecemento de “incentivos por parte do Concello para o alugueiro de vivenda” e que “o Concello promova a adecuación en condicións de habitabilidade das vivendas en desuso para poñelas a disposición das familias que poidan estar interesadas en residir no noso concello”.