Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAFozLugoMondoñedo

O Plan de catedrais intervirá as basílicas de Mondoñedo, Lugo e San Martiño de Foz

Por 16 Xullo, 2021Sin comentarios

Aprobouse o Plan de catedrais de Galicia 2021-2027 que, dotado cun investimento de 38 millóns de euros, permitirá o desenvolvemento de actuacións para mellorar a conservación dos conxuntos catedralicios da Comunidade, co horizonte do Xacobeo 2027. 

Este proxecto inclúe intervencións en monumentos nas contornas do Camiño de Santiago. Concretamente, nas basílicas de Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui, así como na antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo de Foz e nas concatedrais de San Xiao de Ferrol e de Santa María de Vigo. Así os grandes conxuntos relixiosos de Galicia quedan amparados por este plan cunha vixencia ata o 2027.

Grandes templos

Unha das catedrais incluídas neste plan é a de Lugo, situada ao pé da Muralla no Camiño Primitivo. A nova ferramenta do Goberno galego prevé para este templo unha quincena de actuacións dotadas con case 7M€ destinados a restaurar a zona do claustro, renovar a cuberta, rehabilitar zonas como a sancristía ou as capelas e mellorar as condicións de humidade reparando filtracións e substituíndo canlóns. Así mesmo, tamén se restaurarán bens artísticos como a porta medieval, o coro ligneo ou os órganos da epístola, do evanxeo e da Capela da Virxe dos Ollos Grandes.

A outra catedral da provincia de Lugo que se contempla neste plan é a de Mondoñedo, coñecida por ser unha das xoias do Camiño do Norte e incluída, como a de Lugo, na declaración de Patrimonio Mundial da Unesco acadada no ano 2015. Neste caso están previstas unha decena de actuacións cun investimento de máis de 6,5M€. Os principais traballos que se porán en marcha son a limpeza e consolidación das torres, a rehabilitación integral da parte sen uso do Pazo Episcopal para ampliar o museo ou a resolución das humidades que afectan a diferentes puntos do templo. Así mesmo dotarase ao conxunto catedralicio dun novo proxecto museográfico e restauraranse bens artísticos como as pinturas murais ou os órganos.

Ademais das catedrais, o plan deseñado co horizonte do Xacobeo 2027 tamén inclúe actuacións na antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, para os que se destinarán 450.000€. Esta é coñecida como a catedral en pé máis antiga de España, onde está previsto actuar para resolver o alto nivel de humidade do interior, a acondicionar a horta da reitoral e a restaurar as pinturas murais.