Skip to main content
BegonteComarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXASarria

A provincia contará con 65 centros plurilingües o vindeiro curso

Por 18 Xullo, 2021Sin comentarios

O curso 2021/22 comezará cun total de 65 centros con modelo plurilingüe na provincia de Lugo, dos cales 11 se incorporan por primeira vez ao proxecto plurilingüe autonómico, mentres que catro centros amplían esta ensinanza á etapa de Infantil (Plurinfantil).

No conxunto de Galicia serán 465 centros (42 máis) os que terán implantado este modelo plurilingüe, que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira. 

Esta acción está enmarcada na Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020, EDUlingüe, cuxo obxectivo fundamental é estender o plurilingüismo a todas as etapas educativas e facilitar que os alumnos e alumnas poidan acreditar o seu nivel de lingua estranxeira ao final de etapa. 

Os centros na provincia de Lugo coa etapa de educación primaria son o Ceip San Xoán de Becerreá, o Ceip Virxe do Corpiño de Begonte, o Ceip Xoán de Requeixo de Chantada, o Ceip Manuel Mallo Mallo e o Ceip Benigno Quiroga Ballesteros de Lugo, o Ceip Álvaro Cunqueiro Mora de Mondoñedo, o Ceip da Pobra de Brollón da Pobra de Brollón, o Ceip Antonio Fernández López de Sarria, o Ceip Dr. López Suárez do Saviñao, o Ceip de Palas de Rei e o Ceip de Muimenta.

Os centros que amplían etapa de infantil cara ao próximo curso son o Ceip Virxe do Corpiño de Begonte, Ceip Plurilingüe Virxe do Carme de Burela, o Ceip Plurilingüe Monte Baliño de Pantón e o CPR Plurilingüe La Merced de Sarria.

Este modelo, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, comezouse a aplicar no curso 2010/11 para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO (o denominado Plurilingüismo clásico). Xa a partir do curso 17/18, a Consellería de Educación ampliouno ás etapas de Infantil (Plurinfantil), Bacharelato (Pluribach) e Formación Profesional (PluriFP).