Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Maroto asegura ter o compromiso de Alcoa para desbloquear a venda

Por 19 Xullo, 2021Sin comentarios

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, reuniuse hoxe en Pittsburg co CEO mundial de Alcoa, Roy Harvey, co obxectivo de desbloquear o proceso de venda da fábrica que a empresa ten en San Cibrao a fin de garantir as capacidades industriais e os empregos na comarca da Mariña.

“Trasladei unha proposta consensuada coa Xunta de Galicia e os sindicatos na que esiximos á empresa que avalíe as catro ofertas de compra que recibiu”, sinalou Reyes Maroto ao finalizar a reunión e incidiu en que “estamos dispostos a ofrecerlles as ferramentas de acompañamento públicas para axudarlles a verificar que o futuro comprador da planta sexa solvente e que o faga no menor tempo posible: o noso obxectivo é que a venda se anuncie como moi tarde o 30 de setembro”.

Segundo informou a ministra, “Alcoa foi receptiva ás nosas propostas e o CEO comprometeuse a desbloquear o proceso de venda da planta e a analizar as propostas que lles presentamos, e daranos resposta nas próximas dúas semanas. Ademais, o señor Harvey recoñeceu que está disposto a vender directamente a terceiros”.

A proposta que levou a ministra Maroto a Pittsburg, dentro da súa viaxe oficial que está a realizar a EEUU, inclúe o acompañamento do Goberno nos plans industriais e laborais que acorden as partes compradora e vendedora para asegurar o futuro industrial da planta, incluídos os posibles riscos sobrevindos da decisión de venda. Este acompañamento incluiría liñas de axudas públicas que se poden aplicar tanto ao plan industrial como enerxético.

MOBILIZACIÓNS

Mentres esta reunión tiña lugar no continente americano, os membros do comité, traballadores e veciños achegáronse ata Río Cobo para facer unha concentración reclamando o desbloqueo da venda da factoría.

Non faltaron nesta concentración proclamas así como outras accións de protestas, como colgar da ponte de ferro bonecos ou mesmo volver quemar neumáticos para cortar o tráfico rodado pola zona. Os manifestantes reclamaban á Xunta e ao Goberno central a intervención da factoría.