Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca TERRACHÁXA

Comezan traballos de limpeza de estradas da comarca

Por 25 Xullo, 2021Sin comentarios

Esta semana iniciaranse novos traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas das provincias da Coruña, de Lugo e de Ourense. 

No marco destas actuacións, este luns comezarán os traballos nas estradas AC-543 e AC-301, ao seu paso polo municipio coruñés de Rois, ao tempo que continúan as tarefas iniciadas hai dúas semanas na estrada AC-413, en Ordes.

En paralelo, están programadas novas intervención desde mañá nas estradas lucenses LU-120, en Vilaba, e na LU-122, en Meira e Lourenzá. Tamén proseguirán os traballos de roza na estrada LU-172, en Muras.

Ademais, continuarán os labores iniciados a pasada semana na estrada OU-801, en Ribadavia e Ponte Barxas, e na provincia de Pontevedra seguirán as tarefas na Variante de Marín V.G.- 4.4, que une Lourizán e Ardán, nos municipios de Pontevedra e de Marín.

O conxunto de traballos realizados no marco deste contrato, renovado coa empresa pública Seaga para os vindeiros 12 meses, completan os que se veñen realizando ao longo do ano polo servizos ordinarios de conservación de estradas da Xunta. Mediante estas actuacións impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e supoñen un apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas. 

Deste xeito, por unha banda, estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.

Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do  uso de herbicidas nas marxes das estradas.