Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Propoñen a declaración da vía que une Burela-San Cibrao como ruta ciclista segura

Por 28 Xullo, 2021Sin comentarios

O BNG vén de propoñer unha alternativa de uso para a estrada provincial LU-P-1510 que une Burela e San Cibrao pola zona costeira. Esta estrada de nove quilómetros que ten moito tránsito de ciclistas e deportistas en xeral presenta tamén deficiencias no seu firme denunciadas xa en varias ocasións  por numerosos veciños e usuarios. 

A práctica deportiva nesta vía aumenta día a día e viuse incrementada na pandemia, polo que os edís nacionalistas de Cervo e Burela consideran que é o momento de aproveitar esta infraestrutura para mellorala e facela máis segura e para eso propoñen convertela en ruta ciclista segura, a semellanza das rutas ciclistas protexidas recollidas no catálogo da Dirección Xeral de Tráfico.

A primeira vía destas características na Mariña

Sería a primeira vía destas características na Mariña, o que seria tamén un reclamo para a zona, non só para Cervo e Burela senón tamén para os concellos da contorna. As características deste tipo de vía conlevan a adecuación do firme, sinalización nas que se recollen horarios de afluencia, restricións de velocidade, control e redución de velocidade en adiantamentos, prioridade ciclistas….instalación de barreiras de protección nos quitamedos e puntos de reparación de bicicletas nos extremos da vía.

Esta vía é de titularidade da Deputación Provincial polo que nas mocións nas que se recolle esta proposta do BNG  e que van ser debatidas no pleno de Cervo que se prevé para os vindeiros días e no de Burela, previsto para o xoves 5 de agosto, instase ao organismo provincial a realizar os trámites correspondentes para convertir esta estrada nunha ruta ciclista segura.

“Temos que aproveitar todos os recursos que temos nos nosos concellos a nivel deportivo e turístico, que son moitos, e este é un exemplo mais, coa circunstancia de que non é un proxecto costoso pero que redundará en moitos beneficios para Cervo e Burela e para a comarca.  Confiamos no apoio unánime dos plenos de Cervo e Burela e tamén no apoio da Deputación a esta iniciativa”, afirmaron Diego Fernández e Mario Pillado.