Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Alcoa contraoferta pedindo un abaratamento da enerxía

Por 31 Xullo, 2021Sin comentarios

Alcoa dá un paso atrás nas súas esixencias para a venda da planta de aluminio de San Cibrao e retira a esixencia de ter que facer a venda a través da SEPI, tal e como anunciara a ministra de Industria, Reyes Maroto, trala súa visita a Pittsburgh, sede da multinacional estadounidense.

Nunha carta aberta, o responsable de Alcoa en San Cibrao, Álvaro Dorado, e tras unha nova reunión coa ministra, comunica que cederon neste punto, ata o de agora imprescindible tanto para a empresa como para os traballadores, pero puxeron novas condicións. Dá un ano ao Goberno central para que rebaixe a factura eléctrica e poder abordar despois a venda directa.

Alcoa suxire a firma dun Memorando de Entendemento antes do 15 de setembro de 2021 pola compañía, o Goberno, a Xunta, os sindicatos e a representación dos traballadores. A multinacional comprométese a non iniciar o despedimento colectivo ata o 31 de xullo de 2022 no caso de que o Supremo fallase ao seu favor. O 20 de outubro a sala dirimirá sobre o recurso presentado pola empresa despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decretase nulo o ERE presentado para 500 traballadores.

“Este prazo dun ano empregaríase para abordar os problemas enerxéticos da planta de aluminio primario e obter un prezo de enerxía garantido”, explica Alcoa no comunicado. Segundo din, os prezos da luz seguen ocasionando perdas dun millón de dólares por semana (840.000 euros) e o prezo medio do megawatt-hora rolda os 90 euros, máis do triplo do que paga a compañía en calquera outra planta de aluminio do mundo. A multinacional indica que para que sexa viable a planta no futuro “o problema da enerxía debe resolverse”. Só se se rebaixan os prezos, Alcoa comprometerase a realizar un novo proceso de venda directa. A compañía esixe, ademais, paz social, é dicir, quere garantías de que os traballadores non renoven a folga.

Para lograr abaratar a factura da luz, Alcoa pide traballar co Goberno, a Xunta e cun ou máis eléctricas para que a planta de San Cibrao poida abastecerse de enerxías renovables en xaneiro de 2023 a un prezo competitivo.

O comité de empresa, pola súa conta, reunirase o luns cos sindicatos para facer unha valoración da nova contraoferta de Alcoa e na que se esixe paz social.