Skip to main content
AlfozCultura AMARIÑAXA

Arancha Incera, concelleira de Turismo de Alfoz: “Os concellos de interior temos moito por descubrir”

Por 11 Xullo, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Arancha Incera, concelleira de Turismo e tenente de alcalde en Alfoz, destaca a cantidade e calidade de recursos turísticos que ten o concello malia ter case 80 km cadrados.

Por Ana Somoza López.

César Marrube, concelleiro de Xuventude e Deporte, Asociacións e Festas; Arantxa Incera, tenente de alcalde e concelleira de Servicios Sociais, Igualdade, Turismo e Atención ao veciño; Jorge Val Díaz, alcalde de Alfoz; Mª Luisa Goás, concelleira de Educación e Cultura; e Cándido Paleo, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural.

Que ofrece Alfoz fronte aos veciños concellos da costa?

Estamos ubicados nunha situación estratéxica xa que en 15 minutos pódeste poñer na costa de Burela e de Foz, é dicir, podemos ter outro tipo de turismo que non é só o de praia. Os concellos de interior temos moito por descubrir.

Cales son os principais atractivos para o turismo?

O símbolo do Concello sen dúbida é o Castelo e a súa contorna privilexiada, por iso no mes de xullo o que facemos é convertelo en protagonista indiscutible. Despois temos a fervenza do Escouridal que cada vez ten máis visitantes, e estamos mellorando a súa contorna con carteis e consellos de seguridade, contamos co río Ouro e tamén ca Pena Abaladoira, que xa é serra do Xistral que é reserva da biosfera. Nos o que temos é unha zona de moitos contrastes.

Que tipo de turismo acollen?

Cada vez funciona mellor o turismo rural, estanse poñendo moitas casas como vivendas turísticas, e todo o mundo que ven repite. Somos unha zona moi tranquila e moi preto da costa pero en plena natureza o que implica que temos un turismo slow, é dicir, os turistas visitan a fondo os recursos e os eventos da zona, interésanse pola gastronomía e prestan atención á natureza. Notamos moito turista dos nosos veciños da Mariña, creo que estamos todos descubrindo a cantidade de recursos que temos ao noso arredor.

Púxeronse en marcha as audioguias ficcionadas, foron ben acollidas polos turistas?

Si, son unha aposta por mellorar a experiencia do viaxeiro e propoñen un percorrido polo interior e exterior do Castelo. Pódese baixar da propia web no móbil ou coller uns auriculares in situ. Durante o mes de xullo serán gratuítas e despois custarán 2 euros e ademais terán determinadas bonificacións para menores de 12, para centros educativos, etc.

O castelo de Castrodouro, a fervenza do Escouridal e a pena Abaladoira

Traballades coa Mancomunidade en moitos aspectos, non?

Si, o traballar unidos con toda a A Mariña é bo para todos, xa que o xeodestino é un gran beneficio para todos, porque vamos tendo xente en busca de sol e praia pero que tamén se interesa cara o interior gracias as oficinas de turismo dos diferentes concellos. Ao traballar coa Mancomunidade temos cantidade de proxectos en mente que nos gustaría facer, e que moitas veces depende de ter un apoio económico das administracións. Temos con eles un proxecto moi importante, que é lograr ter un centro interpretativo do Mariscal no castelo, e volver a potenciar a ruta Pardo de Cela nas que ademais estamos varios concellos.

Hai algunha medida fronte ao virus?

As restriccións de aforos estámolas aplicando en todos os sitios e en todas as actividades desde o principio. Moitos actos son no Castelo e aínda que as salas son grandes hai que marcar ven as distancias e preferimos pecar de produdentes, ademais de que xa estamos todos acostumados a este tipo de normas e o xel hidroalcolico xa forma parte das nosas vidas. No tema dos auriculares das audioguías cando se recollen están perfectamente preparados, desinfectados e nunha bolsiña individual.

Este ano haberá Mercado Medieval?

Non haberá, porque para facelo co formato habitual é moi complicado pola covid19e a incertidumbre nas normas, así que apostamos por manter a data do calendario facendo outro tipo de actividades ou outro formato.

En que consistirá entón?

O día 17 de xullo faremos unha Xornada de Historia Local cun ciclo de conferencias sobre o Mariscal Pardo de Cela, a fidalguía na Mariña e a moda e roupa medieval. Pola tarde será a visita guiada ao Pazo de Carricide ás 17.30 horas, e á noite poderase desfrutar dun concerto no exterior do castelo a cargo de Tundal e tamén contaremos cunha exposición de traxes medievais do 12 ao 25 de xullo.

Que plans hai de futuro para Alfoz?

A situación que pasamos co covid19 fainos traballar máis cara o presente, non se poden planificar as cousas a longo prazo. Pero se queremos manter a boa situación e seguir potenciando ese tipo de turismo respetuoso co medio ambiente, de calidade, de natureza, etc, temos que poñer en valor os propios recursos e hai que ir vendo e adaptándose as circunstancias.

A oficina de turismo está ubicada nunha contorna privilexiada?

Si, atópase no castelo de Castrodouro e en verán abrimos a oficina de martes a domingo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Ademais procuramos ter a web moi actualizada e tamén, gracias a Mancomunidade, que está a facer un labor moi importante do xeodestino en internet coa formación e asesoramento aos responsables de turismo.