Skip to main content
Burela

A Deputación apoia o sector pesqueiro cunha nova colaboración con Expomar de Burela

Por 17 Xullo, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo renovou a colaboración coa Fundación Expomar para impulsar o  sector náutico pesqueiro da Mariña e a comercialización dos produtos do mar, de gran valor para este territorio.

O presidente da institución provincial, José Tomé Roca, asinou un convenio co presidente da fundación mariñá, Alfredo Llano, no que a Deputación achega 8.000 euros para apoiar actividades promocionais do sector da pesca como as feiras Expomar e Produart que desenvolve esta entidade, adaptándoas á situación sanitaria. 

Tomé Roca destacou o papel que xoga Expomar “para o dinamismo da economía mariñá e do conxunto da provincia, ademais de ser un escaparate turístico que dá a coñecer a riqueza de recursos dos nosos concellos”.

Así mesmo, o presidente subliñou que as dúas citas, Expomar e Produart, “teñen unha gran importancia para a comarca da Mariña e xeran novas oportunidades de negocio para o sector pesqueiro e do turismo náutico, actividades estratéxicas para o desenvolvemento económico da Mariña e da provincia de Lugo. A Deputación impulsa o sector primario con distintos convenios e, neste caso, apostamos pola pesca e a náutica, polos empresarios do mar e polos profesionais que traballan nel”. 

As feiras Expomar e Produart están dirixidas a profesionais do mundo da pesca. O seu obxectivo é dar a coñecer as novidades tecnolóxicas do sector para incentivar e mellorar as condicións laborais. Estes eventos compleméntanse con xornadas técnicas e encontros empresariais onde se analizan os problemas da pesca a nivel nacional e internacional.