Skip to main content
Cervo

Cervo mellora distintas vías de comunicación da parroquia de Sargadelos

Por 9 Xullo, 2021Xullo 21st, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo acometeu traballos de mellora de distintas arterias de comunicación da parroquia de Sargadelos.

En concreto, actuouse nun tramo de case 2,5 quilómetros que se corresponde co camiño que discorre desde o cruce da Casa da Administración ata o cruce da Ponte do Rego.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, mantivo un encontro co pedáneo de Sargadelos, José Luis Peña, e con veciños da contorna, para trasladarlles o alcance do proxecto financiado pola Xunta de Galicia, con fondos AGADER dentro do Plan Marco de Melloras de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2020-2021, e que supón inicialmente un investimento de preto de 40.000 euros -39.091,31 euros concretamente-.

Villares explicou que a obra -xa rematada- foi concibida co obxectivo de mellorar o firme do camiño sen variar a súa natureza, conseguindo unha boa evacuación e drenaxe das augas pluviais coa execución de canles, cunetas ou medios canos ao longo de todo o seu trazado. 

Así mesmo –engadiu- tamén se realizou a limpeza dos pasos salva cuneta e a reposición dos que se atopaban deteriorados e colocouse a sinalización vertical necesaria para mellorar a seguridade viaria do camiño.

O rexedor fixo fincapé na importancia deste tipo de actuacións “que contribúen a poñer en valor o noso rural, facéndoo máis seguro e accesible”; un aspecto sobre o que incidimos en cada obra que abarcamos.

Esta actuación completarase con outras obras que xa temos tamén contempladas e que abarcarán o conxunto da parroquia de Sargadelos.

Así mesmo, tamén está previsto acometer unha mellora da rede de saneamento de auga.