Skip to main content
Foz

Foz conta con dous novos axentes de policía

Por 13 Xullo, 2021Sin comentarios

O Concello de Foz conta con dous novos axentes de policía o que fan un total de 8 efectivos. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo unha reunión de traballo coa Policía Local, na que deu a benvida aos dous novos axentes que se incorporaron esta fin de semana.

“En período de prácticas, estes funcionarios supoñen un importante reforzo durante o verán, pasando a formar parte definitiva da plantilla unha vez rematada a súa formación”, explicou o rexedor municipal.

Fran Cajoto destacou que “a recuperación das baixas por xubilación era moi necesaria: polo tamaño de Foz e pola poboación que recibimos en verán. Deste xeito recuperamos o servizo de mañás e de tardes, de luns a domingo”.

Na reunión “tamén se trataron temas moi importantes, como a programación de saídas para o control do ocio nocturno, a formación para o manexo do sonómetro recentemente adquirido ou a chegada dun etilómetro, co que se pretende desde a Policía Local evitar o consumo de alcohol ao volante e tamén dar unha ferramenta moi necesaria para a investigación de accidentes. Vamos ser moi estritos porque a situación actual obriga máis ca nunca”, indicou o alcalde. Ademais apela “á responsabilidade de todas e todos, sobre todo cunha incidencia de COVID á alza. Debemos evitar condutas incívicas como os botellóns, cando é evidente que non se poden facer, e accións de vandalismo. Coidar o pobo e a nosa saúde é cousa de todos”, rematou Cajoto.