Skip to main content
Ribadeo

O PP de Ribadeo denuncia “o abandono que ten o rural e os barrios”

Por 6 Xullo, 2021Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Ribadeo denuncia “o abandono” no que o BNG ten os barrios e as parroquias da vila. Así o trasladan as edís Elena Sierra e Montse Seijo logo de visita a distintos barrios que, segundo apuntan, “presentan unha falta de inversión absoluta”.

Recentemente, as populares estiveron no barrio dos Galos, que é un exemplo de como o Concello “non garante a igualdade entre veciños”. Anteriormente, segundo explica a vicevoceira, mantiveron reunións cos veciños da Torre, Justo Barreiro, San Miguel, Rúa do Amalló, A Pega, Faxarda e Alza San Lázaro; núcleos que adolecen de accesos axeitados e dunha seguridade que garanta o acceso rodado aos usuarios.

Precisamente, Elena Sierra destaca que “levamos a pleno durante estes meses a necesidade da súa mellora e o único que contestaron foi que non estaban tan mal ou que non eran prioritarios. En definitiva, escusas para non investir, pero é inxusto que estean neste abandono”, reclama.

Para a Montse Seijo, a situación dos núcleos urbanos reflíctese tamén nas parroquias do rural, “que están esquecidas polo goberno do BNG”. “Sabemos que non lles gusta oír isto pero o certo é que só fai falla darse unha volta para ver como están as estradas do Concello e da Deputación para darse conta da deixadez existente, como tamén da falta de desbroce e do deterioro das estradas, das áreas recreativas e dos colectores de lixo”. Precisamente, sobre estes últimos puntualiza que “non os hai en todos os tipos e, os que hai, están rotos ou teñen unha falta de base”.