Skip to main content
Ribadeo

O 15 de xullo será a conferencia do I Ribadeo Ilustrado

Por 9 Xullo, 2021Sin comentarios

O vindeiro 15 de xullo ás 19:30 horas no Salón de Plenos da Casa Consistorial celebrarase o I Ribadeo Ilustrado na que haberá a conferencia Desde a Ilustración ao devalo da vela: Sociedade e tecido comercial en Ribadeo, a cargo de Eduardo Gutiérrez Fernández, o cronista oficial de Ribadeo. E a continuación haberá a visita teatral polo Ribadeo Ilustrado, a cargo do grupo de teatro Os Quinquilláns. 

Tratase dun proxecto municipal que xurde da idea de seguir a potenciar a vila de Ribadeo como un referente turístico, con especial fincapé en ofrecer un entorno atractivo e dinámico e cun gran potencial cultural. Esta Área leva un tempo traballando nesta marca na que xa se inclúen outros proxectos como os microvídeos teatralizados, rutas 360, rutas guiadas, etc.

Con esta iniciativa pretenden amosar que Ribadeo era e é terra de mariñeiros, de pescadores, de navegantes… e que conta cun sen fin de particularidades que o fan diferente: explicando qué se comercializaba, qué embarcacións se empregaban e o modo de vida en terra dos mariñeiros e comerciantes, o pasado, a linguaxe, etc… Un dos momentos na historia deste concello que deixou unha forte pegada no noso centro histórico, é o comprendido entre os séculos XVIII e XIX. É neste momento cando o porto de Ribadeo coñece un dos seus períodos máis relevantes. Por el entran directamente procedentes do Báltico, liño e cáñamo para fornecer os tecedores de toda a comarca. Por aquel entón aséntanse numerosos comerciantes na vila, que irán transformando a súa fisionomía coa construción de novas vivendas nas que se aloxa esta emerxente clase social economicamente poderosa.

Este ano, por mor das circunstancias sanitarias, será e  formato reducido, é dicir, un pequeno adianto para edicións futuras. Dado que a intención da Concellaría de Turismo é facerlle medrar ao proxecto coa fin de involucrar á sociedade, ao sector servizos, á hostalería, á restauración, etc… fomentando a revalorización da cultura propia.

Ao longo deste verán haberá visitas guiadas e teatralizadas polo Ribadeo Ilustrado, as guiadas terán lugar os días 16, 23 e 30 de xullo e 6, 13, 20 e 27 de agosto ás 11:30 horas con saída desde Oficina de Turismo. E as teatralizadas, de man de Os Quinquilláns, serán os xoves desde o 15 de xullo ata o 9 de setembro ás 20:30 horas e con saída neste caso desde diante do Concello.