Skip to main content
Ribadeo

Ribadeo acolle o día do produto local cunha mañá chea de actividades

Por 17 Xullo, 2021Sin comentarios

Ribadeo prepárase para acoller este domingo, día 18, o día do produto local cunha mañá chea de actividades na contorna da praza de Abastos. 

Arredor das 11.30 horas terá lugar a presentación da estratexia participativa EO Alimenta, patrocinada pola fundación Daniel&NinaCarasso, coordinada pola Universidade de Santiago e que conta coa colaboración do Concello de Ribadeo e doutros da contorna. Preténdese con esta estratexia, chegar entre todas as persoas participantes a unha maior autonomía alimentaria a ambas beiras do Eo. As persoas produtoras locais, protagonistas desta estratexia, farán ademais unha mostra dos seus produtos e ofrecerán unha degustación ás persoas asistentes ao mercado.

Unha vez rematado ese acto Borja Picón amenizará coa súa música o Mercado dos Domingos e os bares da contorna, que ofrecerán tapiñas elaboradas con produtos da horta.

Os establecementos participantes son o Bar Taller, cunha milfollas da horta; Bar Prohibido, con espagueti de cabaciño con gambas e espuma de queixo San Simón; Bar Queimada, con empanadiñas de verduras da horta con xamón e roliños de queixo con marmelo; A Ribeira, con tortilla de pisos con ingredientes da horta; e O Fumarel, con croquetas de verduras sobre crema de pementos de piquillo. Toda as tapas estarán elaboradas con produtos da horta e terán o prezo dun euro.