Skip to main content
O Valadouro

Luz verde á construción dunha nova ponte sobre o río Ferreira, no Valadouro

Por 5 Xullo, 2021Sin comentarios

O Valadouro contará cunha nova ponte sobre o río Ferreira ao seu paso pola parroquia de Alaxe, así, o comunicou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda emitindo a Autorización ambiental estratéxica da modificación puntual número 2 das normas subsidiarias de planeamento, a cal pretende modificar as aliñacións do Camiño da Cruz e posibilitar a execución desta nova infraestrutura sobre o curso fluvial.

Así mesmo, a modificación tamén se prevé a ampliación da sección actual dese viario en catro metros, polo que se modifica o trazado e a sección previstos nas normas subsidiarias.

A modificación afecta a un ámbito que abarca as 2,61 hectáreas de solo urbano consolidado e ten por obxectivo principal facilitar e mellorar as condicións de accesibilidade a este núcleo desde a avenida da Costa (LU-613), a través do Camiño da Cruz, unha vía que soporta actualmente tráfico interurbano, pero con deficiencias de capacidade. No futuro, permitirase o tránsito de vehículos a motor na contorna da vila sen necesidade de atravesar o centro, co que se favorece a desconexión.

Tal e como se indica na AAE non se esperan efectos ambientais significativos, polo que se dá por finalizada a tramitación ambiental, ao non ser preciso a avaliación ambiental ordinaria.

Cómpre recordar que, na actualidade, o Concello do Valadouro dispón dunhas Normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas no ano 1993, acordes coa lei 11/1985 de adaptación da lei do Solo a Galicia.