Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAViveiro

Santi Chao, ciclista viveirense “Hai que concienciar da importancia dos transplantes e as doazóns de órganos”

Por 24 Xullo, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

O viveirense Santi Chao conmemorou os 20 anos do seu transplante de corazón cunha ruta en bicicleta atravesando 26 portos de montaña

Por Ana Somoza López.

Como xurdiu a idea desta aventura transalpina?

Pois todos os anos procuramos facer un reto ciclista para dar visibilidade á doazón de órganos. No 2018 fixen con Andrés Piñeiro, que tamén foi un dos que participou nesta ocasión, a transpirenaica e no 2019 de Lannion, na Bretaña francesa, a Viveiro, que foi unha ruta de 2.000 quilómetros e fixémola en 16 días. E como neste ano fago 20 anos do meu transplante de corazón e a idea era facer un reto algo máis grande e quizais máis especial.

Entón esta proba deportiva foi por algo especial?

Si, para concienciar da importancia dos transplantes e as doazons de órganos, médula ósea, etc. A min un día chegoume a hora e gracias a que alguén decidiu que os órganos do seu fillo estaban mellor salvando vidas que pudrindo nun cemiterio, pois aquí estou. Espero que con todo esto a xente tome un pouca máis de conciencia e vexa que calquer día cando xa non os precise, os seus órganos poden salvar a vida doutras persoas e que quizais os órganos doutra xente calquer día poden salvar a súa propia vida.

Como xurdiu a idea dos Alpes?

A ruta dos Alpes para a xente que nos gusta a bicicleta é moi bonita, pero o problema que tiña é que era unha ruta moi longa e complicada. Ao principio miramos de facer outra que era de norte a sur e nus 10 días máis ou menos. Pero atopamos un libro italiano La traversata delle Alpi en bicicleta, escrito por Rolly Marchi nos anos 80, no que el explicaba este mesmo camiño e facía os Alpes case completos cos portos máis representativos.

Como e cando comezou esta andanza?

A aventura comezou en Trieste o 2 de xullo e rematou o sábado 17 de xullo en Niza. Foron 16 etapas, case todas foron de arredor duns 120 quilómetros e 7 horas diarias de bicicleta. Son rutas por estradas pois se quixésemos facela pola montaña necesitaríamos dous meses.

Cantos se embarcaron nesta aventura?

Comezamos sendo catro pero na terceira etapa uníuse outro rapaz que por motivos personais non puido comezar con nos dende Trieste. Todos somos amantes da bicicleta, David Díaz Meitín, Jacobo Díaz, Xose López Hermida , Andrés García Piñeiro e máis eu.

Cantos países atravesaron?

Foron un total de 1.700 quilómetros entre Italia, Eslovenia, Austria, Suiza e Francia. Pero moitas veces na bicicleta non son os quilómetros senón o desnivel que nesta viaxe era de case 31.000 metros positivos.

Foi moi complicada?

Si, foi unha viaxe dura. Atravesamos 26 pasos alpinos dos cales 16 deles pasan a máis de 2.000 metros e 5 a máis de 2.500 metros. Na montaña as cousas son moi diferentes, hai días de moito frío e nalgunha ocasión estivemos a -2º.

Tiveron que levar moito material á hora de realizar esta ruta?

Nesta ocasión si, pois levábamos nas alforxas os sacos e todas as nosas cousas ademais do material da bicicleta en caso de rebentón. Este ano levamos incluso as tendas de campaña as cales tivemos que utilizar en Suiza xa que este país era moi caro a hospedaxe e decidimos montar as tendas. No resto dos sitios estivemos en albergues ou hostais.

Como foi a volta?

Foi outra etapa grande aínda que en furgoneta e a fixemos do tirón pois son moitas as ganas que tiñamos de volver. Tales foron estas ganas que ao final recortamos un día da viaxe por tempo, por motivos laborais e por suposto por estar coas nosas familias.

E co tema do coronavirus tiveron problemas?

Todos estábamos vacinados excepto o rapaz que se uniu na terceira etapa, que el viaxou co test de antíxenos. Pero despois cada país ten unhas normas diferentes e el ía facendo probas á medida que íamos pedaleando. De feito nalgúns países foron gratuítos.

Algunha anédocta que lembre con especial agarimo?

Digamos que o día máis duro e o que máis quedará na nosa memoria será a subida a Col de l’Iseran que foi o día que nevou a 3 quilómetros de chegar ao alto, o cal está a 2.764 metros e é o segundo porto máis alto. Ese día estabamos dubidosos en subir ou non pois a climatoloxía non estaba clara pero e de repente abriuse un claro e botámonos a estrada. E a 3 quilómetros comezou unha tremenda nevada, e menos mal que había un bar alí arriba e conseguimos chegar para abrigarnos. Foi un día moi duro e con moita incertidumbre pero que lembraremos moito.

Hai máis tradición de bicicleta neses países?

Por suposto. A bicicleta aquí move unha porcentaxe grande do turismo, e todo está preparado para eles, alugueres, remontes para descensos, vías e carriles ciclables, autobuses con remolques, etc. Os Alpes moven cada ano 120 millóns de turistas. Unha das etapas discorreu máis da mitade dos seus quilómetros por carrís bici, o que me fai pensar que aquí nos Alpes xa se deron conta que se pode vivir do turismo sen ter praias nin un clima espectacular.

Algún especial agradecemento?

Gustaríame agradecer a todos os que colaboraron dunha maneira ou outra como ao Concello de Ourol, ao Deporte Galego a través da Xunta e a Viveiro Bikes.