Skip to main content
Viveiro

Alumnos do conservatorio de Viveiro accederon á formación musical superior

Por 24 Xullo, 2021Sin comentarios

Antía Dovale, guitarra; Manuel Riveira, gaita; Xabier Boixet, piano, e Uxío Dayan, gaita.

O Concello de Viveiro informa que todos os alumnos que remataron este curso os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e decidiron orientar o seu futuro profesional cara á música, obtiveron praza nos Conservatorios Superiores de Música. Polo tanto, todos conseguiron superar a proba de acceso, indispensable para cursar os seus estudios de Grao Superior. 

Concretamente, Antía Dovale (guitarra), accedeu ao Conservatorio Superior de A Coruña; Xabier Boixet (piano), aos Conservatorios Superiores de Musikene (San Sebastián) e Salamanca; mentres que Uxío Dayan (gaita) e Manuel Riveira (gaita) accederon ao Conservatorio Superior de Vigo.

“Parabéns aos catro, a quen lles espera de seguro un futuro brillante na música. Tamén é de eloxiar o traballo do profesorado do noso Conservatorio, cuxo esforzo desenvolve grandes talentos musicais”, subliñou María Loureiro, alcaldesa de Viveiro. 

As probas de acceso aos Conservatorios Superiores están caracterizadas pola súa dificultade e especialización, onde os alumnos compiten por unhas poucas prazas. Nestas probas, os alumnos teñen que amosar, diante dun tribunal, a súa destreza no instrumento, interpretando un programa de 30 minutos sobre obras de diferentes estilos. Ademais, teñen que amosar os seus coñecementos de análise musical nunha proba específica da especialidade.

O Conservatorio de Viveiro envía todos os anos alumnos e alumnas a estas probas, que nutren os conservatorios superiores de alumnado que amosa unha gran calidade, produto das ensinanzas que se imparten no centro viveirense.