Skip to main content
Axenda Caducada

Cuñados proxectarase este sábado na Pastoriza

Por 21 Xullo, 2021Xullo 24th, 2021Sin comentarios

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo continuará esta fin de semana as proxeccións na rúa da película Cuñados, que se está a realizar en doce concellos, organizadas coa colaboración de distintas asociacións.

Así, a proxección na Pastoriza terá lugar na praza do Concello, ás 22.30 horas, e en caso de choiva será no local veciñal da antiga fábrica de ladrillo.

Dirixido por Toño Pérez e cun elenco formado por actores e actrices como Xosé A. Touriñan, Miguel de Lira,  Federico Pérez, Eva Fernández ou  Iolanda Muíños, entre outras, o filme, rodado en plena pandemia en localizacións de Ourense, estase a converter nunha das estreas do ano. Mantense en salas comerciais de Lugo, Coruña e Compostela despois de doce semanas na carteleira.

O responsable de Cine na rúa, Xoan Mariño, destacou que “o filme poida verse en sesións de cine na rúa, en vilas e localidades pequenas, ao tempo que segue nos circuítos comerciais é algo inédito xa que, explicou, este tipo de iniciativas non adoitan levarse a cabo ata un ano despois da estrea das películas”.  Pola súa banda, Alfonso Pérez Montaña, agradeceu “o apoio da Vicepresidencia á difusión do cine en galego” e convidou á veciñanza “a botar unhas risas co filme”.