Skip to main content
Comarca LUGOXA

A Deputación difunde o traballo realizado nos Ancares lucenses

Por 9 Xullo, 2021Sin comentarios

Inaugurado este venres o encontro dixital Somos Biosferados Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, un foro organizado para conmemorar os 50 anos do programa MaB da Unesco, no que a institución provincial difundiu o traballo realizado nesta Reserva da Biosfera e as accións futuras para seguir favorecendo o equilibrio entre a conservación do territorio e o seu desenvolvemento sostible.

Os encontros dixitais Somos Biosfera, que a pasada semana estiveron centrados na Reserva da Biosfera Terras do Miño, foron promovidos polas Reservas da Biosfera de Galicia e organizados polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) coa colaboración da Deputación. 

A xornada desta mañá, na que se inscribiron 40 persoas, contou coa participación do cineasta Oliver Laxe, como representante da asociación SER, que forma parte da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, co catedrático da USC Antonio Rigueiro, técnico do Órgano Reitor desta Reserva, e coa técnico do servizo provincial de Medio Ambiente Andrea Macho Benito.

García Porto puxo en valor dous programas concretos, que “exemplifican moi ben os obxectivos globais que buscamos coa xestión desta Reserva”. “Trátase da delimitación e estudo dos soutos de castiñeiros, que supón unha recuperación e posta en valor con criterios actuais deste tipo de plantacións tradicionais, e o traballo sobre os piñeirais encamiñado a deseñar estratexias de prevención de lumes”, asegurou a Deputada.

En canto ao futuro, García Porto destacou que “se está avanzando na creación dunha marca propia Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, para incrementar a difusión e a competitividade dos produtos e dos servizos da zona, recoñecendo e impulsando a súa calidade”. Así mesmo, engadiu, “implantamos un modelo de subvencións en concorrencia competitiva porque queremos dar un novo impulso ó magnífico traballo das asociacións que colaboran, dende sempre, na conservación e no impulso desta Reserva”, recordou a Deputada provincial.