Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

Continúan os movementos no CD Lugo Sala

Por 17 Xullo, 2021Xullo 18th, 2021Sin comentarios

Despois de deixar atrás unha campaña complicada na que o equipo caeu derrotado na final da fase de ascenso a 2ª división B contra o Ies Coruxo (3-6), o CD Lugo Sala xa está planificando a nova tempada con novas fichaxes e cun mesmo obxectivo: lograr o ascenso a 2ªB.

Así pois, despois de que Félix Julio Salceda, adestrador do primeiro equipo e director da escola, confirmara a súa marcha do equipo da capital lucense, o club xa atopou un capitán para liderar o barco e configurar o novo equipo e as novas directrices coas que guiarse para conseguir o obxectivo marcado dende a directiva.

Desta maneira, menos dun mes despois, os movementos na plantilla son evidentes e o equipo, quitando algunhas renovacións, é completamente novo e de categoría.

O CD Lugo Sala comezou coa incorporación do que vai a ser o novo adestrador do primeiro equipo, Dani Díaz, un técnico con experiencia que xa compartiu banca co xa mencionado Félix Julio. O lucense iniciou durante estas semanas o traballo no equipo que militará en 3ª división e que buscará un oco para poder rematar a tempada cun ascenso.

Os xogadores que non continúan no proxecto son: César Quijada, Jhordan Escobar, Miguel Méndez, Brais García, Iker, David Silva, Dieguito e Keita que, tras negociacións co club, non se quixo renovar a vinculación de cara a vindeira tempada.

No caso das renovacións, os xogadores que continúan na entidade son: Yago Núñez, Jacobo Costoya, Miguel López, Luis Longo e Luis Carballal; todos eles coñecedores do club e importantes a nivel deportivo, tanto pola súa experiencia e veteranía, como polo nivel de xogo. Así pois, dende a directiva tamén anunciaron a incorporación de tres xuvenís que pasan ao primeiro equipo. Esta promoción de xogadores das diferentes categorías, ademais de ser un dos obxectivos do clube, tamén se considera unha filosofía de traballo da canteira.

En canto as incorporacións, o equipo lucense está cerrando o equipo cuns fichaxes importantes de cara ao comezo da tempada. Os tres primeiros anunciados foron o madrileño Miguel Muñoz, Iago Rodríguez e Diego Núñez. Os tres chegan dende O Parrulo Ferrol e son xogadores con ampla experiencia en primeira división. Xogadores completos, con experiencia na máxima categoría e con ilusión, serán clave para o tan ansiado ascenso a 2ª división B. Outro dos nomes que se sumou ás incorporacións foi o de Antonio Diz, exxogador do Noia FS, referencia do fútbol sala lucense e que tan só uns meses atrás, anunciaba a súa retirada no fútbol sala profesional. O pívot lucense chega ao proxecto despois de xogar no Azkar Lugo, no Santiago Futsal, no Segovia Futsal e, finalmente, no Noia FS.

Outros dous nomes que se uniron ao proxecto son o de Javi Río e o de Bruno. O primeiro chega dende o Outeiro de Rei FS, equipo que milita na mesma liga pero que, nesta última tempada e, a causa da situación sanitaria, non disputou a competición. Así mesmo, tamén chegou a debutar en primeira división co Azkar Lugo, equipo no que se formou. No caso de Bruno, volta ao Lugo Sala despois de militar nas categorías inferiores. Despois de saír, xogou tres tempadas en 2ª división B, no Esteo e no Ribeira FS.