Skip to main content
Guntín

Guntín celebra a XVI Festa Artesanal de Ferreira de Pallares

Por 31 Xullo, 2021Sin comentarios

A XVI Festa Artesanal de Ferreira de Pallares xa ten data e lugar de celebración. Así pois, celebrarase o vindeiro 8 de agosto nos arredores do mosteiro de Ferreira de Pallares, no concello de Guntín.

A Asociación de Amigos do Mosteiro retoma o encontro tras o parón obrigado do ano paso, nun formato reducido, adaptado á situación sanitaria, cos obxectivos cos que naceu “promover o traballo artesán e poñer en valor o conxunto monástico”, como explicou o presidente da entidade, Carlos Vázquez.

A festa reunirá unha ducia de artesáns – cesteiros, ferreiros, ebanistas, oleiras, tecelás e canteiros- que farán demostracións en vivo destes oficios tradicionais a partir das 11 horas, cando está prevista a inauguración do recinto. As 13.15 terá lugar a lectura do pregón, a cargo de Mariluz Abella García, presidenta en Lugo da Asociación Española contra o Cancro (AECC).

A organización tamén ten previsto realizar o habitual xantar de confraternidade, no claustro do mosteiro a partir das 14.30 horas. Carlos Vázquez lembrou que esta comida segue unha tradición que instauraron os cofrades da Cofraría de Santa María do Rosario no século XVII, que se reunían para xantar o segundo domingo de agosto.

Así mesmo, hai que lembrar que ao longo da xornada haberá diferentes actuacións musicais que, unidas ao ambiente cultural e de ocio, conseguirán que os participantes pasen un día diferente, lúdico e ameno.